O PSdeG de Ourense esixe á Xunta que reabra a unidade multidisciplinar de Covid persistente do CHUO

OurenseXa
A deputada do PSdeG Carmen Rodríguez Dacosta defenderá mañá no Parlamento unha iniciativa que tamén contempla a formación dos profesionais e que se elabore un censo sobre a mesma
Carmen R. Dacosta
14 May 2025

Tal e como anunciaron logo de reunirse con representantes da asociación de doentes afectados pola covid persistente a voceira do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez; a deputada no Congreso Marga Martín Rodríguez; e a deputada no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta, as e os socialistas defenderán no Hemiciclo da cámara autonómica unha iniciativa para que a Xunta se comprometa a reabrir a unidade multidisciplinar que atendía e facía seguimento as persoas afectadas no CHUO.
“Segundo os datos ofrecidos pola Xunta de Galicia foron 738.828 o número de casos da covid rexistrados en Galicia e, aínda que a porcentaxe de curación foi alta, hai persoas que sufriron a infección e que agora teñen unha nova afección que se denomina covid persistente ou covid prolongado. Considérase que pode afectar a entre o 10 e o 15% das persoas que contraen o virus”, expón a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González.

Neste senso, a deputada socialista Carmen Rodríguez defenderá mañá no Parlamento, na Comisión 5ª de Sanidade, unha iniciativa para esixir ao goberno galego que reabra a unidade que decidiu pechar no mes de febreiro e que aunaba a profesionais de diferentes especialidades que traballaban con estes doentes, así como que se “realice un censo para contabilizar as persoas afectadas que actualmente hai na nosa Comunidade Autónoma”.
“Entendemos tamén necesario que se forme ao persoal sanitario para comprender esta enfermidade que chega a alterar por completo a vida de quen a sofre posto que pode afectar a todos os sistemas orgánicos: dende o inmunolóxico ata o nervioso ou o cardiovascular”, explica a socialista sobre outro reclamo que recolle o texto rexistrado.

O obxectivo da proposición non de lei é que Ourense volva a ser referenza neste eido dentro do sistema público de saúde e se poida continuar realizando estudos sobre unha enfermidade emerxente da que polo de agora se sabe relativamente pouco sobre o mecanismo que a desencadea.

⚙ Configurar cookies
0.11695003509521