O PSdeG de Ourense organiza un acto para homenaxear a figura de Eduardo Blanco-Amor

OurenseXa
O acto, programado para este sábado 13 de setembro, consistirá nunha actuación musical a cargo de Éric Dopazo e a proxección da película 'A Esmorga'
cartel-acto-blanco-amor-psoe-ourense
12 Sep 2024

A Comisión Executiva Municipal do PSdeG de Ourense celebrará, este sábado, unha xornada de música e cine para conmemorar o 127 aniversario do nacemento do escritor Eduardo Blanco-Amor. “Hai dous anos organizamos o primeiro acto para homenaxear a súa figura, conxuntamente co PSdeG, por tratarse dun persoeiro poliédrico que merece un recoñecemento polo que supuxo para a cultura e a sociedade”, explica a secretaria xeral da agrupación local, Natalia González.

O acto consistirá nunha actuación musical, a cargo de Éric Dopazo, que comezará ás 20:00 horas no parque de Ribeira de Canedo (xunto a Ponte Romana), e na posterior proxección ao aire libre do filme ‘A Esmorga’, baseado nunha das obras más célebres do autor ourensán, do director Ignacio Vilar e de cuxa estrea se cumpre unha década. A entrada será gratuíta ata completar aforo.

Eduardo Blanco Amor naceu en Ourense, o 14 de setembro de 1897. Aos 17 anos empezou a traballar como secretario de dirección de ‘El Diario de Orense’, e a participar en faladoiros, entre eles con Vicente Risco, que influíu no seu posterior interese pola cultura galega. En 1919 emigrou a Bos Aires, e relacionouse con intelectuais galegos, organizando e participando en diferentes actividades culturais. En 1925 entrou como redactor no diario arxentino 'La Nación', xornal que 3 anos despois o mandou como correspondente a Galicia, onde coñeceu a Castelao e outros galeguistas. O seu labor como xornalista e escritor continuou ao longo de toda a súa vida a ámbolos dous lados do océano Atlántico.

Entre as súas obras cómpre salientar ‘Los miedos’, ‘La catedral y el niño’, ‘A esmorga’, ‘Os biosbardos’ ou ‘Xente ao lonxe’. Finou en Vigo o 1 de decembro de 1979, un par de anos despois de participar como orador na Alameda de Ourense no remate da manifestación do 4 de decembro de 1977, na Xornada Nacional pola Autonomía.

0.13546109199524