O PSdeG de Ourense reúnese cos representantes provinciais de UGT

OurenseXa
Integrantes da candidatura ao Parlamento do PSdeG de Ourense intercambiaron impresións e liñas de traballo que se poderían levar a cabo para adaptarse á idiosincrasia do mercado laboral –con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta de Galicia– nunha reunión con representantes provinciais do sindicato UGT.
PSdeG_PSOE_reunion_UGT_Ourense
31 Jan 2024

Integrantes da candidatura ao Parlamento do PSdeG de Ourense intercambiaron impresións e liñas de traballo que se poderían levar a cabo para adaptarse á idiosincrasia do mercado laboral –con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta de Galicia– nunha reunión con representantes provinciais do sindicato UGT.

“Os datos a nivel estatal son bos polas medidas que aprobou o executivo de Pedro Sánchez, pero en Ourense estamos fartas de ver como se publica nos medios de comunicación que faltan traballadores e traballadoras para según que sectores. Tamén estamos cansas de ver como a xuventude marcha a outras provincias para atopar postos ben remunerados e que lles permitan independizarse”, sinalou a cabeza de lista, Carmen Rodríguez Dacosta.

Neste senso, os e as socialistas propoñen un estudo en profundidade das necesidades do mercado laboral para que a oferta formativa e as cualificacións se adapten ao que demandan os sectores estratéxicos en Ourense. “O PP leva anos programando cursos ao chou sen analizar as potencialidades coas que contamos para ser quen de acadar un reequilibrio territorial e que as zonas do interior poidan desenvolverse como as da costa”, explicou no encontro.

Así mesmo, lamentou que durante os últimos anos os e as socialistas insistisen no Parlamento para que o goberno do PP recuperase os pactos territoriais de emprego –coa implicación dos sindicatos, os traballadores e traballadoras, o sector empresarial e os concellos– e que este fixera caso omiso. “Nós somos unha potencia termal, forestal, turística e agrogandeira que esmorece pola falta de acción da Xunta de Galicia. E podería apostarse tamén pola tecnoloxía, a dixitalización ou as enerxías renovables para ampliar e mellorar o noso horizonte cos case 2.000 millóns de euros que o executivo, primeiro de Feijóo e agora de Rueda, deixou sen executar dende o ano 2009”, resumiu.

O número dous da candidatura, Nacho Gómez Pérez, reafirmou as súas palabras engadindo que os sindicatos son unha parte fundamental para que calquera territorio avance e que o PP denigrou o diálogo social con estas organizacións. “Evidentemente, as accións levadas a cabo polo goberno de Pedro Sánchez resultaron beneficiosas para a meirande parte dos traballadores e traballadoras de España, pero o PP fai en Galicia todo o contrario ao que fai o PSOE”, afirmou tralo encontro.

“Isto non deixa de ser outra mostra máis de que precisamos mudar a realidade apostando por unha nova política liderada polo PSdeG e cun candidato cuxa traxectoria xestionando, reforzando os servizos públicos e defendendo á clase traballadora quedou máis que demostrada á fronte da Deputación de Lugo”, apostilou.

Tamén incidiu na importancia da reforma laboral para que o emprego que se xere sexa de calidade e con condicións dignas e na suba do salario mínimo que incidiu de maneira directa en moitos sectores de Ourense.

Estes días o propio José Ramón Gómez Besteiro anunciou a súa intención de que a industria acade o 20% do PIB e afirmando que é certo que Galicia non medra ao ritmo que o fai o resto de España, pero que o fará cun executivo progresista. Tamén a necesidade de favorecer o emprendemento e de eliminar ou simplificar trabas burocráticas que a veces producen que ata o 50% dos fondos europeos dispoñibles queden sen executar.

0.1710901260376