O PSOE da Peroxa denuncia a ausencia de médico no centro de saúde dos Peares

O PSOE da Peroxa denuncia a falta de atención médica no centro de saúde dos Peares, que permanecerá sen facultativo ata o vindeiro 7 de xaneiro. Os socialistas critican a inacción do alcalde, Manuel Seoane, ao que acusan de non ter adoptado medidas para evitar esta situación.
Desde o grupo socialista pregúntanse se o Concello trasladou formalmente esta queixa ao Sergas e se o rexedor realizou algunha xestión como representante municipal para garantir a cobertura sanitaria. Segundo sinalan, trátase dun problema que se repite no tempo sen que se adopten solucións efectivas.
O PSOE considera que o goberno local mantén unha actitude pasiva ante unha carencia que din, afecta directamente á veciñanza, á que sinalan como a principal prexudicada pola falta de servizos sanitarios nestas datas.