O sector do comercio e da alimentación manifestase en Ourense para esixir melloras laborais

Os sindicatos promotores da folga deste venres 16 de maio no comercio de alimentación da provincia de Ourense maniféstanse hoxe na capital cunha marcha que arrancará no Gadis do Couto ás 12:00 horas e rematará diante do Froiz das Lagoas.
O secretario comarcal da CIG-Ourense, Anxo Pérez Carballo, compareceu esta semana en rolda de prensa xunto a representantes de CCOO, UGT e USO para explicar os motivos da convocatoria e ofrecer os detalles da mobilización, que non son outros que reclamar un convenio colectivo digno.
Pérez Carballo incidiu en que o comercio de alimentación ourensán atópase “á cola” a nivel galego en condicións laborais e sociais, e fixo fincapé en que nos últimos catro anos o persoal do sector perdeu unha parte moi importante do seu poder adquisitivo (máis de 3800 euros na categoría de caixeira/o de supermercado, categoría máis numerosa). Mentres os tres grandes grupos que negocian o convenio (Gadis, Froiz e Cuevas) rexistraron uns beneficios “obscenos”.
Por exemplo, Cuevas, a empresa máis pequena, entre o ano 2022 e o 2023 incrementou as súas ganancias despois de impostos un 70%, logrando uns beneficios netos de 7,8 millóns de impostos; Froiz incrementounos o 98%, até os 22 millóns; e Gadis o 64%, até os 146 millóns. “A pesar disto as direccións están chorando unha suba salarial e unha mellora en condicións laborais como conciliación ou xornada para un persoal que neste momento ten soldos por debaixo do salario mínimo”, denunciou.
O responsábel sindical lembrou que ao inicio da negociación as catro centrais advertiron que o convenio tiña que dar un xiro” de 180 graos” a nivel salarial e de dereitos e deixaron moi claro que non ían “intercambiar cromos” nin “regatear como se estivésemos comprando na feira”.
Recuperar o poder adquisitivo
Neste senso, sinalou que o principal obxectivo da parte social é recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos e pactar un incremento “decente”, polo que lle trasladaron á patronal que non aceptarían un acordo que non contemplase uns soldos para a categoría de caixeira/o de 18.100 euros ao ano para 2025 e 19.500 para 2026.
Finalmente, denunciou que as persoas traballadoras están a recibir presións nas tendas para que non secunden a folga, “algo que non imos tolerar e que imos denunciar na Inspección de Traballo e no Xulgado”. E lanzoulle unha mensaxe de tranquilidade á veciñanza: “Non vai haber desabastecemento porque hai máis sitios nos que mercar”.