O Sergas ampliará o servizo enfermaría nos PAC da provincia de Ourense
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, anunciou este xoves no Parlamento de Galicia a inminente ampliación do persoal de enfermería nos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Ourense, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e O Carballiño, con 12 novos profesionais desta especialidade.
Así, e no marco da Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego, o responsable do Servizo Galego de Saúde explicou que desde xaneiro de 2025 estes centros sanitarios de atención primaria verán incrementados os seus recursos humanos de acordo á demanda asistencial que rexistran na actualidade.
En resposta a unha pregunta parlamentaria, José Ramón Parada remarcou que a planificación do persoal dos PAC realízase en función da poboación e das cargas de traballo, e non da equiparación entre persoal sanitario. Neste sentido, apuntou que no caso da provincia ourensá “a súa dotación é semellante á do resto das áreas sanitarias galegas”.
Actualmente, a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras conta con 14 Puntos de Atención Continuada, aos que se engaden dúas Zonas Especiais (A Gudiña-Mezquita e A Veiga-O Bolo). Sobre este particular, e en alusión ás novas incorporacións de persoal, precisou que os PAC de Ourense, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia e O Carballiño “terán unha equiparación completa”, no que atinxe á ratio médico-enfermeira.
Durante a súa intervención, o xerente do Servizo Galego de Saúde subliñou que a área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras rexistrou a segunda maior dotación de prazas orzamentadas destinada á enfermería dos PAC durante o período 2022-2025. Así, neste período ampliará en 20 prazas os seus recursos humanos (un 35,1% máis). Só fica por detrás da área sanitaria da Coruña e Cee, cuxa dotación medrou en 27 profesionais.
Por outra banda, e no que atinxe aos cómputos de xornada e ás retribucións, o responsable sanitario explicou que “todas as áreas sanitarias se rexen pola mesma normativa” e que as posibles diferenzas derivan dos complementos de tipo específico e de destino, así como da complexidade de cada posto.
“As diferenzas existentes son en realidade retribucións adaptadas á complexidade de cada posto”, explicou, salientando que “a instrución é a mesma para a enfermaría de centros de saúde, dos PAC o de enfermaría de hospitais.”
Incremento das prazas de enfermería nos PAC galegos
A Xunta leva anos incrementando a dotación do persoal de enfermería nos PAC das distintas áreas sanitarias. Así, desde o ano 2022, o Executivo incrementou as plantillas deste persoal en 94 profesionais, sendo a área de Ourense a segunda que rexistrou un maior incremento, cunha ampliación do 35,1%.
Os Puntos de Atención Continuada (PAC) do Servizo Galego de Saúde teñen por finalidade a de proporcionar atención médica a aquelas persoas que non poden esperar a ser atendidas nos centros de saúde debido á urxencia do seu estado, ou á natureza non programada da súa situación.