O servizo de cirurxía do CHUO, líder nacional no manexo da cirurxía robótica en cancro de mama
Este sábado, 19 de outubro, comemórase o Día Internacional Contra o Cancro de Mama. A unidade de mama do servizo de cirurxía xeral e dixestiva do Hospital Universitario de Ourense é considerada unha referencia nacional no tratamento cirúrxico mediante cirurxía robótica e na formación e acreditación de especialistas.
A unidade de cirurxía de mama do centro ourensán sitúase, polo tanto, á vangarda nacional na utilización da cirurxía robótica para cirurxía de mama xa que leva un total de máis de corenta intervencións, nos dous anos desde que comezou a realizala, converténdose no centro nacional con maior actividade cirúrxica neste procedemento.
Asemade convértese nun referente para a formación e acreditación de especialistas no manexo desta técnica xa que acoden con regularidade ata Ourense cirurxáns de todo o territorio nacional. Especialistas de outros hospitais galegos, das Comunidades de Madrid, Asturias e Andalucía pasaron polo quirófano de cirurxía robótica do CHUO para observar o manexo e procedementos na utilización desta técnica cirúrxica de enorme precisión.
Nesta técnica de mastectomía con reconstrución mamaria asistida polo robot Da Vinci participan varios cirurxiáns da unidade de mama de Servizo de Cirurxía Xeral do CHUO, Manuel García García, Purificación Fernández, Ernesta Valeiras, Carmen Fagilde e Marta Ardavín. O doutor Manuel García, Xefe de Servizo de Cirurxía do CHUO, destaca que “esta cirurxía permite realizar feridas máis pequenas, lesionar menos a pel e mellorar a estética, posto que a cicatriz limítase a unha mínima incisión na axila. Ademais a utilización do robot supón menos complicacións postoperatorias tendo a mesma seguridade oncolóxica que a cirurxía convencional. É, polo tanto, un paso máis en calidade e seguridade”.
Coa Cirurxía Robótica Da Vinci realízase a mastectomía pola liña axilar mediante unha cicatriz de 4 cm e permitirá retirar a totalidade do tecido mamario preservando a pel da mama con diminución dos posibles hematomas ou linforragias. Polo tanto provocará unha maior recuperación postoperatoria, cicatrices aínda menos visibles, diminuíndo os posibles riscos cirúrxicos e a estancia hospitalaria e favorecendo unha cirurxía menos traumática con respecto ás anteriores.
Unha das grandes vantaxes con respecto á cirurxía endoscópica é a visión en 3D e alta definición que ofrece o robot, sumado aos movementos en 360º das pinzas, que permiten unha precisión e amplitude do cen por cento, facendo posible a coagulación de vasos e estruturas que moitas veces son imperceptibles ou inaccesibles na cirurxía convencional. A liberdade coa que se poden manipular as pinzas fai que se adapte moi ben á disección do músculo, favorecendo a menos dor postoperatoria e mellor control hemostático.
A utilización da cirurxía oncolóxica de mama con Da Vinci non mellora os resultados oncolóxicos, que xa son suficientemente positivos, cunha supervivencia próxima ao 90%, pero si mellora a calidade de vida das pacientes. Pódense aplicar en todas aquelas pacientes seleccionadas que cumpran os requisitos para someterse a este tipo de mastectomía profiláctica que adoitan ser aquelas que presentan un alto risco de padecer cancro de mama debido ao seu compoñente xenético.
Cirurxía robótica en Ourense
Os sistemas robóticos son aparatos concibidos coa finalidade de axudar e mellorar a destreza e capacidade cirúrxica. O aumento e a mellora da destreza permiten ao cirurxián realizar manipulacións que, sen este sistema, serían imposibles nalgúns casos, proporcionando unha considerable mellora na seguridade das intervencións cirúrxicas.
A adquisición polo Sergas, en xullo de 2021, de 7 robots Davinci, situados en cada un dos hospitais de referencia das 7 áreas sanitarias, supuxo un fito importante para a organización por dotar aos centros da última tecnoloxía en robots cirúrxicos. Eses equipos en cada centro son compartidos por varias especialidades, sendo as principais os servizos de cirurxía xeral, uroloxía, xinecoloxía e otorrinolaringoloxía, aínda que nalgún centro son utilizados tamén por cirurxía torácica ou cirurxía maxilofacial. Con posterioridade incorporáronse outros tres novos equipos de cirurxía robótica Mako para a realización de cirurxía traumatolóxica e ortopédica.
No Hospital Universitario de Ourense lévanse efectuadas 920 intervencións con cirurxía robótica das que 522 son efectuadas polo servizo de cirurxía xeral, 200 polo servizo de uroloxía, 167 cirurxías de xinecoloxía e 30 intervencións polo servizo de otorrinolaringoloxía.