O servizo de dermatoloxía de Ourense participa na elaboración dunha guía sobre a Psoriase

O Servizo de Dermatoloxía da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras participa na elaboración dunha nova guía terapéutica de difusión nacional, “Enfermedades cutáneas, cutaneosistémicas y escenarios de riesgo asociados a psoriase. Guía terapéutica”, dirixida ao tratamento da psoriase en contextos clínicos complexos, coordinada polo doutor Javier Labandeira García.
O libro enche un baleiro importante na literatura médica, ofrecendo información actualizada e estruturada nos que a toma de decisións resulta especialmente complexa, especialmente ante pacientes que tamén presentan outras enfermidades cutáneas ou sistémicas graves, asociadas á psoriase, como lupus eritematoso, ou dermatite atópica, ante o que ata a data existía unha gran limitación de estudos específicos.
Ante estes pacientes, coñecidos como "poboacións especiais", a elección terapéutica require orientacións específicas. Velaí a importancia de contar cunha ferramenta terapéutica útil e práctica, para os profesionais sanitarios.
“Na guía expoñemos as dez situación mais comúns” di o coordinador da guía o Dr. Javier Labandeira, do Servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Ourense -“adicámoslle un capítulo a cada un dos escenarios máis habituais. Para elo eliximos sete enfermedades cunha asociación cutanea, ou cutanosistémica, estatísticamente significativa, en concreto a Alopecia Areata, Dermatite Atópica, Dermatomitose, Esclerodermia, Lupus Eritematoso, Sarcoidose e Vitíligo, xunto a algúns dos escenarios máis frecuentes: anciáns, cirurxía e enfermidades cardiovasculares” aconsellando sobre tratamentos e do porqué da elección.
A psoriase é unha enfermidade inflamatoria crónica da pel, de orixe inmune, que se estima afecta a un millón de persoas en España. Na provincia de Ourense, o Servizo de Dermatoloxía calcula que a súa prevalencia é de 6.800 persoas, o que evidencia a relevancia sanitaria e social desta patoloxía, que ocupa o 10% do total de consultas que se producen en dermatoloxía.
En Galicia, aínda que a prevalencia (1,7 %) é das máis baixas do país, unhas 62.000 persoas conviven coa esta enfermidade. De todas elas, ao redor de 14.000 padecen artrite psoriásica, unha forma especialmente discapacitante, que compromete as articulacións e que en Galicia, derivado do clima máis húmido, produce unha maior sintomatoloxía.
O perfil do paciente con psoriase é complexo: ademais das manifestacións cutáneas visibles, a enfermidade ten un alto impacto emocional e psicolóxico e está asociada a múltiples comorbilidades como obesidade, diabetes, hipertensión, enfermidades cardiovasculares e depresión. O impacto na calidade de vida pode chegar a ser comparable ao doutras enfermidades crónicas graves como a EPOC ou a artrite reumatoide.
Esta iniciativa reforza o papel da sanidade pública ourensá na investigación e mellora continua da atención dermatolóxica, achegando solucións reais a retos médicos actuais e contribuíndo á visibilización dunha enfermidade que, malia o seu carácter silencioso, afecta de maneira profunda á vida de milleiros de persoas.
Os especialistas do Servizo de Dermatoloxía da Área Sanitaria nos tres hospitais públicos colaboran en cada un dos capítulos da guía. Do Hospital Universitario de Ourense, o propio Javier Labandeira García, xunto a José Álvarez López, Fernando Cabo Gómez, Ana Domínguez Vargas, Pilar Gomez Centeno, María Pousa Martínez e Ignacio Suárez Conde. Ademais das dermatólogas dos hospitais públicos de Valdeorras e Verín, Cristina Vázquez Rodríguez e Nuria Vilamartín Bello e, do Servicio de Cirurxia Xeral e Aparello Dixestivo, Pedro Trillo Parejo.
Xunto a eles, colaboran nos distintos apartados colegas dos Servizos de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Santiago, do de Ferrol, do Lucus Augusti de Lugo, do de Cruces en Bizkaia, xunto a especialistas da Coruña, León, Suecia e das Universidades de Santiago de Compostela e da Europea de Madrid.