O Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do CHUO consolídase como referente a nivel nacional

OurenseXa
Especialistas de diferentes puntos de España acoden ao CHUO para afondar nas diferentes técnicas de artroplastia de ombreiro, un procedemento no que os especialistas de Ourense teñen recoñecido coñecemento
servizo-traumatoloxia-chuo
Servizo de Traumatoloxía do CHUO
29 Jan 2025

O Servizo de Traumatoloxía e Cirurxía Ortopédica do Hospital Universitario de Ourense recibiu esta semana a visita de dous especialistas vascos do Hospital de Alto Deba de Guipúzcoa, Daniel Martínez e javier Cornejo, para afondar nas diferentes técnicas de artroplastia de ombreiro, un procedemento no que os especialistas de Ourense teñen recoñecido coñecemento e experiencia derivada da alta incidencia das patoloxías dexenerativas que afectan a esta articulación.

O Hospital Universitario de Ourense mantense como un referente docente para especialistas do norte do país para a abordaxe cirúrxica dunha patoloxía que é moi frecuente e que na nosa provincia debido a lonxevidade da poboación. Esta peculiaridade aumenta considerablemente a incidencia de patoloxías dexenerativas desta articulación o que converte ao Hospital ourensán nun Living Lab de coñecemento e experiencia clínica, na aplicación das técnicas de recambio articular existentes na actualidade, que se levan aplicando desde 2007 cunha media de 60 intervencións ao ano. A artroplastia de ombreiro, non está tan estendida como as de cadeira e xeonllo; sendo na actualidade unha opción terapéutica consolidada na práctica clínica.

Segundo o traumatólogo do CHUO, Juan Blanco Nóvoa, especialista en ombreiro e docente desta técnica cirúrxica “a artrose é a principal causa de indicación dun implante de ombro, en concreto a artrose glenohumeral, unha enfermidade dexenerativa da articulación entre a cabeza do húmero e a cavidade glenoidea da escápula, que produce a perda da cartilaxe articular e un endurecemento das superficies óseas que limita a articulación”.

Outras causas habituais que fan preciso un recambio articular en Ourense son tamén as fracturas complexas, a artrite reumatoide e outras artropatías.

Referentes na formación de especialistas

Ata o de agora varios especialistas de Donosti, Barcelona, León, ou Asturias recibiron esta formación que comeza sempre cunha fase de “planificación” na que o cirurxián realiza a intervención “virtual” previa a operación, decidindo así cal debe ser a técnica a empregar e a abordaxe que mellor se adapta a cada paciente.

Esta planificación é posible mediante a exportación da imaxe adquirida mediante un TAC a unha aplicación, na que os especialistas estudan e practican a intervención en detalle cunha enorme precisión e que lles servirá de guía no momento da cirurxía.

O Dr. Blanco destaca que cando se comezaron a implantar “as súas principais indicacións eran fracturas complexas que non se solucionaban doutro xeito” como da extremidade proximal do húmero, “pero a alta incidencia da artrose fai que estemos implantando un gran número de próteses invertidas tamén en fracturas”

As próteses “invertidas” de ombreiro están a mostrarse como unha opción eficaz no tratamento da artropatía, asociada a rotura do manguito dos rotadores. Para o traumatólogo vasco, Javier Cornejo, do Hospital Alto Deva de Mondragón “a experiencia do equipo ourensán na colocación de próteses invertidas de ombreiro, das que son un referente nacional, permitiranos adquirir esa habilidade para o tratamento cirúrxico de nosos pacientes que adoitan presentar esta patoloxía dexenerativa no ombreiro”.

Existen diversos tipos de próteses de ombreiro, e do mesmo xeito que ocorre coas de cadeira e xeonllo, estas poden ser parciais (hemiartroplastia) ou totais. Este tipo de próteses que inverten a anatomía do ombro son cada vez máis habituais entre o perfil de poboación que precisa o procedemento, en Ourense unha muller cunha media de idade de 72 anos. As técnicas precisas para o seu implante requiren pericia que ven da man da experiencia acumulada polos especialistas de Ourense. “Na miña vida profesional debo ter implantado unhas 1.700 neste intenso período de traballo” salienta o Dr. Juan Blanco.

As principais complicacións deste procedemento son as infeccións e sobre todo a luxación da articulación. Xunto a técnica e o seguemento para a detección precoz de complicacións é crítica unha adecuada e rehabilitación temperá para a consecución duns resultados óptimos, alivio da dor e unha mellora funcional, como os aspectos máis destacados

0.1784360408783