O Sindicato Médico de Galicia esixe ao Sergas unha solución para evitar máis accidentes no Materno Infantil de Ourense

O Sindicato Médico de Galicia (SIMEGA) denuncia publicamente a lamentable situación na que continúa o Hospital Materno Infantil de Ourense, despois de que o sábado se desprendera parte do falso teito da terceira planta, sen que milagrosamente se produciran danos persoais, e esixe ao SERGAS que leve a cabo unha revisión urxente de todas as instalacións para evitar novos accidentes.
A Central Sindical afirma que existe un risco real, tanto para os profesionais que desempeñan alí o seu traballo como para os pacientes que acoden a ser atendidos, xa que a falta de mantemento do edificio desde hai máis dunha década non fixo máis que acrecentar o deterioro das instalacións.
Traballadores do Centro explican que hai máis de 10 anos anunciouse que se derrubaría o Materno para a construción dun novo centro, e desde entón o mantemento foi practicamente inexistente, de aí a sucesión de accidentes, sendo este xa o terceiro, pois unha pediatra resultou ferida leve na súa consulta pola caída dun teito meses antes do desprendemento do paritorio, suceso que non transcendeu, e agora pregúntanse se ten que haber feridos graves para que se adopten medidas.
Engaden que o lamentable estado das instalacións do Materno levou a continuos traslados de servizos, consultas e peches de plantas, ata o extremo de que hoxe practicamente non hai sitio suficiente para realizar con mínimos de seguridade os servizos que se prestan. Por se non fose suficiente, agora témese que pretendan trasladar a este hospital as consultas do Centro Novoa Santos, cuxa reforma está planificada. SIMEGA xa denunciou o pasado mes de maio o lamentable estado das instalacións do Materno tras desprenderse o falso teito no corredor do paritorio en decembro de 2023.