O SLG demanda unha compensación para as pequenas viticultoras da Ribeira Sacra ante a baixada de rendementos por hectárea

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Denuncian que a Consellería de Medio Rural está “deixando esmorecer  ás pequenas viticultoras e viticultores da Ribeira Sacra
ribeira-sacra-viñedos
20 Dec 2024

Comezando xa a poda para a vendima do 2025, dende o Sindicato Labrego Galego advirten de que “moitas persoas pregúntanse na Ribeira Sacra cales son os intereses detrás da estratexia da Consellaría do Medio Rural (CMR) de demolición do modelo de pequenas e medianas viticultoras no que tradicionalmente se veu sustentando a produción desta Denominación de Orixe Protexida (DOP)”.

A hipótese maioritaria, sinalan, é que existen adegas industriais que cobizan facerse co prestixio acumulado nesta DOP, “que ademais ten entre os seus valores engadidos a produción vinculada a unha paisaxe singular, con grande potencial noutros sectores económicos como o turismo”.

Con todo, denuncian que “Semella que a nova conselleira, utilizando a manida estratexia de anuncio de medidas falsas a través dos medios de comunicación, conseguiu superar o verano e a vendima”.

Pregúntanse, ademáis, “por que motivo as organizacións agrarias que romperon a unidade sindical nas mobilizacións argumentando fiarse das promesas da administración galega, atópanse tan cómodas na situación que temos agora, é dicir, co abandono de decenas de produtoras e produtores, e en ningún momento critican á Xunta nin se queixan do incumprimento dos acordos”.

Dende o SLG lembran que, en plenas mobilizacións, “a Consellaría chantaxeou ás organizacións agrarias esixindo o cese das mesmas a cambio de manter unha xuntanza, un plantexamento non só abusivo, senón mesmo ilóxico nunha administración pública, que ten precisamente entre os seus deberes e competencias traballar conxuntamente cos axentes lexitimados no sector. A represalia contra o SLG por non ter aceptado esta chantaxe foi cancelar a xuntanza que tiña comprometida con nós e non convocarnos a ningún encontro nos que se tratou esta problemática”.

Por eso, explican que “o paso dos meses está servindo para concretar que a alianza estratéxica entre a Consellaría do Medio Rural e as organizacións agrarias que romperon as mobilizacións implicou consecuencias”, entre as que detacan que “non foi activada ningunha axuda para as viticultoras e viticultores e que non se deron explicacións de por que en ningún momento o Goberno autonómico valorou adoptar un marco legal para aprobar axudas de minimis,como si fixo no seu momento La Rioja”.

En definitiva, denuncian que “malia aos anuncios institucionais, a Xunta de Galicia non activou ningunha medida de apoio directo ás persoas viticultoras, nin tampouco se aprecia horizonte de traballo ningún que protexa a produción da vendima do vindeiro ano e non vernos de novo na mesma situación”.

Explican que a vendimia do ano próximo comézase agora, e que se  a Xunta continúa sen tomar medidas, quedarán capas sen podar. “As viticultoras e os viticultores son perfectamente conscientes de que, no caso de que a uva se recolla para o ano, os prezos moi baixos da última campaña van marcar a tendencia da vindeira”, sinalan.

Dende o Sindicato Labrego Galego denuncian que, malia terse alertado desta situación dende moito antes do inicio da vendima, “a Consellaría do Medio Rural estivo ignorándoa durante meses, e só baixo a presión das mobilizacións saíu anunciando medidas, sen que finalmente ningunha chegara ás persoas produtoras”.

Medidas do Consello Regulador

Nesta mesma liña, valoran as medidas recentemente propostas polo Consello Regulador, xa que explican, “non serán eficaces se non son acompañadas por accións complementarias por parte da CMR que garantan unha remuneración xusta para os viticultores e viticultoras diante da baixada de rendementos, como si se levaron a cabo en noutras Denominacións de Orixe”.

Por iso, agardan que o prezo da uva da Ribeira Sacra no ano 2025 non sexa a un euro ou menos dun euro por quilo, cun rendemento de sete mil e pico quilos por hectárea, xa que tendo en conta os custos de produción, “unha vendima a ese prezo sería a estocada final para as pequenas e medianas produtoras da viticultura heroica”.

0.17892789840698