O socialismo ourensán renderá homenaxe ás vítimas do exilio

A actual lei de Memoria Democrática fixa a celebración oficial, cada 8 de maio, do Día de Recordo e Homenaxe ás Vítimas do Exilio, data na que dende a Comisión Executiva Municipal (CEM) do PSdeG de Ourense lembran e homenaxean aos máis de 500.000 españois e españolas que tiveron que abandonar o seu país obrigados pola guerra civil e a ditadura e fuxindo da represión franquista.
Nesta ocasión, o acto terá lugar o propio día 8 no Centro Cultural Marcos Valcárcel, a partir das 19.30 horas, e está programada a exhibición de diferentes curtametraxes filmadas por Carlos Velo, no exilio mexicano, grazas á colaboración prestada pola Fundación Carlos Velo (FCV). Ademais, tomarán a palabra no mesmo Natalia González, secretaria xeral da CEM; Armando González, membro da directiva da entidade cultural, e Xosé Lois Carrión, secretario de Memoria da CEM.
“A medida que o fascismo se ía apropiando de poboacións xa desde o mesmo 17 de xullo de 1936, a cidadanía leal ao Goberno da II República empezou a fuxir dos seus lugares de residencia. Comezaba o exilio. O púo económico, social, científico e cultural iniciado en España logo da proclamación da II República, sufriu un importante retroceso a raíz da xente que se tivo que exiliar”, rememora Carión.
“Estes exiliados atoparon unha cálida acollida no continente americano, onde ata os anos 60 chegaron decenas de miles de compatriotas dende diferentes puntos de Europa e do norte de África. Así, persoas ligadas á literatura, á ciencia, á educación, á sanidade, á filosofía ou á política continuaron o seu labor nos países de adopción: Arxentina, Uruguai, Chile, Colombia, Cuba, Venezuela, República Dominicana, Perú, e tamén na Unión Soviética, Estados Unidos ou Reino Unido”, expón o secretario de Memoria da CEM.
Tamén destacou, neste senso, México, onde ao redor de 50.000 persoas atoparon o seu novo fogar grazas ao empeño do seu presidente, Lázaro Cárdenas, país que tivo a fortuna de recibir a xente na súa maioría cun importante nivel cultural que contribuíu á dinamización daquel país.
“As tres primeiras e grandes expedicións foron organizadas polo SERE (Servizo de Evacuación de Refuxiados Españois), fundado en febreiro de 1939 e adscrito á dirección de Juan Negrín”, explica o socialista. “Foron 3 buques: o Sinaia, o Ipanema e o Mexique e supuxeron o traslado nos primeiros momentos de preto de 5.000 republicanos e republicanas e entre os que se atopaban numerosos ourensáns e ourensás como Florencio Delgado Gurriarán, Alfonso Pazos Cid, Rogelio Rodríguez de Bretaña ou Eligio Rodríguez Domínguez”, destaca sobre os e as exiliadas.
“Outro protagonista do acto organizado polo PSdeG de Ourense, é o nado en Cartelle Carlos Velo Cobelas, quen marchou ao exilio mexicano desde Saint Nazaire o 21 de abril de 1939, chegando 2 semanas despois a Veracruz. Viaxou a bordo do buque Flandre”, remata.