O socialistas ourensáns apremian á Deputación a poñer en marcha un servizo provincial de atención ás adiccións
O Grupo Provincial Socialista insta á Deputación de Ourense á posta en marcha dun servizo provincial de prevención, sensibilización e atención das adiccións que atenda aos concellos de menos de 20.000 habitantes. “Un servizo que debe aportar información, orientación e asesoramento, amais dun acaído diagnóstico e tratamento ás vítimas de adicción da nosa provincia”, subliña a deputada socialista Elvira Lama.
Segundo explica Lama, “os concellos máis grandes dispoñen de recursos para afrontar este tipo de casuísticas, pero é así para os municipios pequenos, que son a meirande parte dos da nosa provincia, incapaces de facer fronte á situacións de adiccións, entoxándose imprescindible a axuda da Deputación”.
A última enquisa do Plan Nacional sobre Drogas conclúe que os galegos en terapia pola súa adicción ás drogas marcaron o seu máximo en 2023, elevándose a máis de 14.800, un 28% dos cales están a ser tratados por alcoholismo, rexistrándose asemade un importante incremento entre os adictos comportamentais.
Na provincia de Ourense os delitos asociados á drogodependencia supoñen xa o primeiro motivo de ingreso en prisión. Máis da metade dos internos do Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar consuman sentenzas por furtos, roubos violentos ou estafas vencelladas coa adicción ás drogas.
Un desafío para a sociedade
Amais da existencia dun amplo abano de adiccións, hai gran diversidade nos perfís dos adictos. Antes destacaba o perfil do politoxicómano, principalmente heroinómano, e hoxe a maioría da poboación que padece algunha adicción é consumidora de cocaína, cannabis e alcohol, ou ten problemas coas novas tecnoloxías, o xogo e as apostas online, os dispositivos electrónicos ou o sexo e a pornografía, tal e como reflicten as estatísticas e informes do Observatorio español das drogas e as adiccións.
“Alén do estereotipo do delincuente que rouba a consecuencia do síndrome de abstinencia, as adiccións afectan a unha ampla gama de figuras, que poden ser traballadores por conta allea ou emprendedores, de diferentes estratos sociais, incluso acomodadas, con estruturas familiares normalizadas e funcionais, homes e mulleres, en idades maduras ou na adolescencia, galegos de berce, naturalizados ou inmigrantes”, destaca Lama.
“As adiccións son un dos grandes problemas que enfrontan as sociedades modernas, que non só afectan ás persoas que as padecen, senón tamén ás súas familias e á sociedade no seu conxunto”, destaca a deputada socialista. Lama insiste en que “trátase dun desafío imposible para os concellos pequenos que, polo limitado dos seus recursos, son incapaces de atender axeitadamente ás súas veciñas e veciños vítimas de adiccións”.