O subdelegado do Goberno fai un chamamento á calma ante as denuncias de "inseguridade" na Ponte, O Pino e O Vinteún

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, trasladou este martes ás asociacións de veciños de A Ponte, O Pino e O Vinteún “o enorme esforzo” que fai a Policía Nacional por manter a seguridade nos seus barrios da cidade de Ourense, con dispositivos especiais de vixilancia. Fíxoo durante un encontro con representantes veciñais celebrado na sede da Subdelegación do Goberno para analizar a situación da seguridade cidadá.
Asistiron á reunión representantes das asociacións de A Ponte, Santa Ana do Pino, Tras Estación, Covadonga, Santa Teresita, Rúa Vinteún e Catro Camiños-Peliquín, que trasladaron ao subdelegado as súas demandas en materia de seguridade e agradeceron o traballo da Policía Nacional. Tamén participaron o comisario xefe da Unidade de Coordinación Operativa Provincial da Policía, Alberto Vidal; o inspector xefe da Brigada de Seguridade Cidadá, Pablo José Álvarez, e o inspector de participación cidadá, José Antonio Armero.
Eladio Santos deu datos de criminalidade e lembrou que Ourense segue a ser unha das cidades máis seguras de España en comparación con cidades do seu tamaño demográfico. “Aínda que os datos sexan bos, non nos conformamos. O compromiso desta Subdelegación do Goberno para garantir a seguridade cidadá é unha prioridade absoluta e, por iso, os vosos problemas son os nosos e seguiremos traballando”, asegurou.
Por outra banda, Santos insistiu en que as portas desta Subdelegación están abertas aos veciños e veciñas, pois nas Administracións é onde se consultan os datos reais e non nas redes sociais. “Desconfíen de chats sen control nin rigor que xa temos comprobado que albergan embustes, manipulacións e mentiras”, advertiu.
No encontro, os veciños e veciñas trasladaron ao subdelegado a existencia dun importante número de persoas sen fogar e toxicómanos no barrio de A Ponte. Ao respecto, Santos aclarou que os servizos sociais dependen doutras administracións, polo que pide a súa implicación para atender á xente que o precisa.