O XV Congreso Galego de Radioloxía reúne en Ourense a decenas de expertos

Ourense acolle esta fin de semana o XV Congreso Galego de Radioloxía, punto de encontro para especialistas, técnicos, investigadores e empresas do sector, que nesta edición estarán centradas na innovación e, moi especialmente, na aplicación da intelixencia artificial na práctica clínica, nun sector no que a labor asistencial vai da man da tecnoloxía de última xeración.
Organizado polo Servizo de Radioloxía do Hospital Universitario de Ourense, da man do radiólogo Diego Domínguez Conde, as xornadas poñen o foco na reorganización dos fluxos asistenciais e o papel central da radioloxía, en programas como o código ictus ou o cribado precoz do cancro de pulmón, iniciativa no que Galicia é pioneira a nivel estatal
Unha sesión específica permitirá coñecer os pormenores deste programa piloto, de cribado de cancro de pulmón mediante tomografía computarizada (TC), que se está a pilotar na Área Sanitaria de A Coruña, supervisado pola Dirección Xeral de Saúde Pública e dirixido ás persoas de alto risco de entre 55 e 74 anos, que sexan grandes fumadoras ou que deixasen o tabaco hai menos de dez anos. Este innovador modelo, de detección precoz, pretende identificar lesións pulmonares en fases moi temperás en poboación de risco, o que podería supoñer un cambio de paradigma na prevención da enfermidade.
Durante o acto de inauguración, o xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba Bouzas, salientou a importancia deste servizo central e o esforzo realizado polo Xunta de Galicia, nos últimos catro anos, para modernizalo dotando aos profesionais de todos os hospitais públicos da tecnoloxía máis punteira “Hoxe podemos dicir que renovamos integramente o equipamento radiolóxico”, dixo.
Camba destacou que o esforzo inversor da Xunta de Galicia a nivel autonómico “permitiu renovar os equipos de radioloxía básica en hospitais e centros de saúde, repoñer e ampliar os TC mellorando a resolución, adquirir ecógrafos avanzados, arcos cirúrxicos, anxiógrafos biplanos, mamógrafos de altas prestacións e solucións baseadas en IA, que melloran a precisión diagnóstica e reducen os tempos de resposta asistencial” subliñou.
Programa Galego de Intelixencia Artificial
A cita servirá tamén para reflexionar sobre o presente e futuro do radiodiagnóstico en Galicia, unha comunidade que se atopa na vangarda na posta en marcha de solucións clínicas innovadoras. Nos últimos anos, os servizos hospitalarios da comunidade, introduciron con éxito ferramentas de intelixencia artificial que apoian o diagnóstico radiolóxico nas probas solicitadas desde urxencias ou atención primaria (radiografías de tórax ou músculo-esqueléticas) así como en estudos de mama, na actualidade supervisados polos servizos de radioloxía de referencia.
Esta tecnoloxía, como explica o vicepresidente do comité organizador, Diego Domínguez “aínda está en fase de desenvolvemento, pero os programas cada vez son mellores” para o especialista estes avances lonxe de substituír ao profesional, son vistos como “unha axuda para reducir os tempos de resposta, mellorar a precisión e avanzar cara a unha medicina máis personalizada e eficiente”.
Domínguez Conde destaca que a extensión e mellora da tecnoloxía conleva un importantísimo aumento da demanda e indicación de probas radiolóxicas por parte de todos os servizos, médicos e cirúrxicos, polo que a automatización de determinadas tarefas é clave “hoxe en día é rara a indicación que non aplica xa intelixencia artificial” di. Por exemplo na localización de lesións pulmonares, nódulos de próstata, fisuras de menisco, ou patoloxía lumbar “esta localización axiliza o informe diagnóstico do radiólogo, mellora a nosa eficiencia e rapidez para asumir unha demanda crecente, precisamente o que queremos conseguir” di o especialista.
A Consellería de Sanidade traballa na actualidade no Programa Galego de Intelixencia Artificial 2025–2027, co que se dará resposta a actual capacidade tecnolóxica e as súas aplicacións futuras , mediante unha estratexia autonómica que aposta pola integración progresiva da IA, en todos os niveis do sistema sanitario.
O programa contemplará accións concretas como a dixitalización total dos fluxos de traballo, a incorporación de algoritmos de apoio ao diagnóstico en determinadas áreas como urxencias, atención primaria ou nos cribados, así como formación específica dos profesionais na utilización destas ferramentas. Galicia prevé mobilizar máis de 40 millóns de euros no conxunto do sistema sanitario neste ámbito, situándose como referente a nivel estatal
O Congreso Galego de Radioloxía será, por tanto, moito máis ca un espazo de actualización profesional: supón unha oportunidade para consolidar unha visión de sanidade pública moderna, eficiente e sostible, na que a tecnoloxía traballa da man do persoal sanitario para ofrecer unha atención centrada no paciente.