Os ciclistas que fagan o Camiño de Santiago pola Vía da Prata contarán con estacións de servizo

A Deputación de Ourense aposta pola instalación de estacións de servizo para os ciclistas na Vía da Prata, mellorando o que é un dos grandes atractivos da provincia e o itinerario xacobeo máis extenso de Galicia. A través do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde), avánzase na posta en marcha dunha ruta cicloturista, que permita aproveitar a especialización deste itinerario xacobeo para atender a crecente demanda dos peregrinos que optan pola bicicleta como medio de chegada a Santiago. Neste sentido, xa están adquiridas as estacións de servizo para ciclistas que se instalarán proximamente nunha ducia de concellos, con dúas modalidades dispoñibles: para as bicicletas tradicionais e para recarga de bicicletas eléctricas.
Esta actuación enmárcase no proxecto “Camiño Vertical”, declarado Operación de Importancia Estratéxica de Interreg VI A POCTEP 2021-2027, e no que participa a Deputación, a través do Inorde, unha iniciativa que pretende dar continuidade aos Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular.
As estacións de servizo, deseñadas tanto para adaptarse a medios rurais como urbanos, inclúen servizos como punto de lavado, sistema para encher neumáticos e punto de reparación con un soporte para bicicletas e ferramentas.
O presidente provincial, Luis Menor, pon en valor iniciativas coma esta, que permiten aproveitar as “boas cifras” de camiñantes que utilizan a bicicleta na Vía da Prata, xa que máis dun millar de peregrinos que elixiron o itinerario ourensá en 2024 fixérono en bicicleta, sendo un dos camiños con máis usuarios ciclistas. “Queremos seguir impulsando alternativas de calidade para os nosos peregrinos, e dentro da nosa estratexia de promoción e divulgación, destaca a potenciación dunha ruta moderna, inclusiva e sostible para os ciclistas”, apunta o presidente provincial.
Por outra banda, Menor tamén destaca que os 200 quilómetros e os 28 concellos ourensáns polos que transcorre a Vía da Prata son unha realidade “cada vez máis accesible” gracias á Alta Velocidade, que conecta a capital de España, Madrid, con Ourense, a través do AVE. Neste sentido, anima tamén aos peregrinos a iniciar xa en A Gudiña o seu camiño, xa que “é unha excelente oportunidade ao estar a practicamente dúas horas de Madrid”.
A Deputación de Ourense avanzou o pasado mes de xaneiro, durante a Feira Internacional de Turismo (Fitur) a campaña promocional da provincia, elaborada a través del Inorde, e coa colaboración da Axencia de Turismo de Galicia. Está centrada na Vía da Prata como experiencia completa para o viaxeiro, poñendo en valor os valores paisaxísticos, patrimoniais, culturais e etnográficos do itinerario xacobeo máis extenso de Galicia.