Os escolares do CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey conmemoraron o Día da Educación Ambiental

OurenseXa
Da man da CHMS, os escolares participaron na sétima edición do programa "Gústame o meu río, ensíname a coidalo"
chms-ben-cho-shey
Charla da CHMS no CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey
28 Jan 2025

Este luns, 50 escolares do CEIP Plurilingüe Ben-Cho-Shey de Pereiro de Aguiar (Ourense), acompañados polo director e varios profesores/as, recibiron a visita do presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, quen lles agradeceu a súa participación e implicación no proxecto “Gústame o meu río, ensíname a coidalo”, que xa vai pola sétima edición.

A CHMS organizou un taller “especial” para conmemorar o Día Mundial da Educación Ambiental, que se celebra o 26 de xaneiro de cada ano.
Neste taller, ademais de repasar o aprendido na primeira visita ao río, os nenos e nenas descubriron o concepto de Pegada Hídrica e puideron calcular a media da pegada hídrica da aula, sorprendéndose da gran cantidade de auga anual que precisamos para manter o noso estilo de vida: arredor de 700.000 litros anuais.

Posteriormente, continuaron investigando sobre a importancia de aforrar auga. Para iso, cada equipo dividiuse: uns membros convertéronse en “científicos de campo” e outros en “científicos de laboratorio”.

Os científicos de campo tiveron a misión de realizar unha ecoauditoría escolar sobre o uso das billas e cisternas do colexio. Armados cos seus lapis e formularios de notas, investigaron para averiguar canta auga se gasta cada vez que se abre unha billa e canta cando se accionan as cisternas, ou se hai perdas en ambos casos. Os datos obtidos levaron á reflexión sobre a importancia de ter un comportamento coidadoso e responsable coas instalacións.

Ademais dos retos do propio taller, o presidente entregou a cada escolar un lapis que contén sementes nunha cápsula biodegradable para a súa plantación nunha maceta, co compromiso individual do seu coidado e responsabilidade.

“Desde a CHMS apostamos pola educación ambiental para conseguir que, desde pequenos, tomemos conciencia de que a auga é necesaria e limitada; e, por iso, debemos asumir a responsabilidade individual na conservación e coidado dos ríos, valorando o recurso como un factor clave no sustento dos ecosistemas naturais”, explicou Quiroga.

Baixo o lema “Coñecer para valorar” é o impulso que nos move para fomentar estas actividades educativas que nos axudan a avanzar cara a un desenvolvemento máis sostible, concluíu José Antonio Quiroga, presidente da CHMS.

0.1667001247406