Os Grupos de Emerxencias Supramunicipais reciben novo equipamento valorado en 1,7 millóns de euros

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), Marcos Araújo, participou hoxe na entrega de vehículos a Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES). Trátase de cinco autobombas rurais pesadas para os GES con sede na Estrada, A Pontenova, Avión, Muíños e no Barco de Valdeorras, e de tres furgóns de servizos varios para os que a teñen en Lalín, O Pereiro de Aguiar e Terras de Celanova. O material suma un orzamento superior aos 1,7 millóns de euros, cofinanciados pola Unión Europea a través do programa Feder de Galicia. No acto participaron tamén os delegados territoriais da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e en Pontevedra, Agustín Reguera.
As autobombas rurais pesadas, valoradas cada unha delas en 270.000 euros, dispoñen de cisterna con capacidade para 3.500 litros, bomba contra incendios que permite o lanzamento de auga tanto con baixa como con alta presión e carrete de primeiro socorro con mangueira semirríxida e lanza de alta presión, entre outras prestacións. Pola súa banda, os furgóns de servizos varios supoñen un custo unitario de máis de 117.000 euros e van equipados cun equipo de bomba de alta presión, batelumes, lanzas profesionais, serra sabre, mochilas extintoras, cámara térmica e un kit de material específico para rescates en altura, entre outros elementos.
O equipamento permitirá mellorar a eficacia das intervencións dos grupos nos concellos da Estrada, Forcarei, Teo e Vedra, así como nos de Lalín, Agolada, Dozón, Rodeiro e Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra. No caso da provincia de Lugo, as localidades de actuación son A Pontenova, A Pastoriza, Lourenzá, Meira, Riotorto e Trabada.
En Ourense, os GES que reciben o material danlle cobertura a Avión, Beariz e Boborás; a Muíños, Bande, Calvos de Randín, Entrimo, Lobeira, Lobios e Porqueira; ao Pereiro de Aguiar, Barbadás, Coles, Nogueira de Ramuín, San Cibrao das Viñas e Taboadela; a Celanova, A Bola, Cartelle, Gomesende, A Merca, Pontedeva, Quintela de Leirado, Ramirás e Verea; e ao Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.
Diego Calvo lembrou o importante esforzo realizado pola Xunta nos últimos anos para dotar os efectivos dos servizos de emerxencias dos concellos galegos dos recursos necesarios co obxectivo de que poidan levar a cabo as súas actuacións en condicións de seguridade, contribuíndo ademais a unha maior eficacia na atención das incidencias e nos seus tempos de resposta.
A entrega de hoxe forma parte do reforzo de dotacións impulsado pola Xunta para apoiar o labor dos GES. Así, ao longo do pasado ano tamén se entregaron camións autobomba, furgóns de servizos varios e material de rescate que suman un custe superior a 1,2 millóns de euros.
Máis de 28 millóns de euros investidos nos últimos anos
O investimento só en equipamento para servizos de emerxencias municipais da comunidade, tanto GES como Protección Civil, supera os 28 millóns de euros nos últimos anos, dos que máis de 12 foron destinados directamente aos GES. Ademais, segundo aclarou o conselleiro de Presidencia, o Goberno galego asume máis da metade do custo anual dos GES e dos consorcios provinciais contraincendios e salvamento, pese a tratarse dunha competencia local. A maiores, lévanse investido outros 5 millóns na formación destes grupos e doutros servizos de emerxencias desde a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
A colaboración da Xunta garante que os GES sigan prestando servizo público en materia de emerxencias, protección civil e prevención de incendios forestais. Neste sentido, os grupos teñen competencia para intervir en incendios -tanto urbanos como forestais-, para definir e manter as redes de faixas de xestión da biomasa de prevención e para levar a cabo prácticas preventivas, de carácter local e a pequena escala, para crear descontinuidades da cuberta vexetal. Tamén fan prevención naqueles camiños e espazos públicos que poidan ao mesmo tempo servir de cortalumes.
Ademais, realizan actuacións de prevención da avespa velutina por seguridade da poboación, tales como o control e retirada de niños, entre outras, e interveñen en situacións de risco e emerxencia para manter a rede se estradas, mediante a súa limpeza a retirada de obxectos, especialmente no caso de accidente. Tamén poden actuar no caso de situacións derivadas de riscos naturais, nevaradas, inundacións, temporais, xeadas, choivas intensas, sismos, derrubamentos, corrementos de terra e situacións de seca, entre outros traballos.