Os hospitais públicos de Ourense cubren 35 novas prazas de difícil cobertura

OurenseXa
Destas 35 novas prazas de postos de difícil cobertura, 16 corresponden ao Hospital Público de Valdeorras, 14 ao Hospital Público de Verín e 5 ao Hospital universitario de Ourense
CHUO_hospital_Ourense
Complexo Hospitalario Universitario de Ourense
Redacción Ourensexa
24 abr 2024

O Diario Oficial de Galicia, publicou este martes o nomeamento como persoal estatutario fixo e a adxudicación de destino definitivo dos aspirantes seleccionados no proceso selectivo, polo sistema de concurso de méritos, para o acceso á condición de persoal estatutario fixo en diversas especialidades da categoría de facultativo especialista de área, das que 35 delas corresponden a área sanitaria ourensá.

Esta incorporación de médicos especialistas é resultado dunha oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en Ciencias da Saúde do Servizo Galego de Saúde co obxecto de conseguir a incorporación estable de persoal médico nos hospitais dos distritos sanitarios de Verín, O Barco de Valdeorras, Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, e poder incrementar o número de programas do Servizo Galego de Saúde no ámbito da saúde mental incorporando facultativos especialistas de área de Psiquiatría e Psicoloxía Clínica.

No que respecta á Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras foron adxudicadas un total de trinta e cinco novas prazas das que dezaseis corresponden ao Hospital Público de Valdeorras, catorce ao Hospital Público de Verín e as cinco restantes ao Hospital Universitario de Ourense. Os aspirantes nomeados disporán do prazo dun mes, a partir de hoxe, para incorporarse de modo efectivo e permanente no destino elixido e adxudicado e terán a obriga de permanecer dous anos no centro elixido e adxudicado como destino nesta resolución.

Das dezaseis prazas adxudicadas ao Hospital Público de Valdeorras está prevista a incorporación de dous facultativos nas seguintes especialidades: cirurxía xeral e aparello dixestivo, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, medicina interna e obstericia e xinecoloxía. Se incorporará un facultativo aos seguintes servizos: dermatoloxía, endocrinoloxía e nutrición, microbioloxía, oftalmoloxía, otorrinolaringoloxía e radiodiagnóstico.

Das catorce prazas adxudicadas ao Hospital Público de Verín catro corresponderán ao servizo de cirurxía ortopédica e traumatoloxía, tres para a especialidade de cirurxía xeral e aparello dixestivo, tres para medicina interna, e unha praza para as especialidades de análises clínicas, , endocrinoloxía, oftalmoloxía e reumatoloxía.

No que respecta ao Hospital Universitario de Ourense incorporaranse cinco novos especialistas no ámbito da saúde mental incorporando catro facultativos especialistas de área en psicoloxía clínica e outro en psiquiatría.

Polo tanto as especialidades que incorporan máis facultativos en toda a área sanitaria ourensá serán as de medicina interna e cirurxía xeral e dixestiva con cinco especialistas cada unha, catro corresponderán a cirurxía ortopédica e traumatoloxía e outros catro a psicoloxía clínica. As especialidades que incorporan dous facultativos serán endocrinoloxía e nutrición, farmacia hospitalaria, hematoloxía e hemoterapia, obstetricia e xinecoloxía, oftalmoloxía. E por último haberá un especialista para análises clínicas, dermatoloxía, microbioloxía, psiquiatría, radiodiagnóstico e reumatoloxía.

Os especialistas nomeados disporán do prazo dun mes para incorporarse á praza adxudicada, é dicir, ata o 23 de maio. O Sergas ten previsto un procedemento para que, se algún facultativo non se incorpora, se poida seleccionar a novos aspirantes.

Coa finalidade de diminuír o déficit de persoal sanitario de diversas especialidades, en Galicia aprobouse, en outubro de 2022, a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Sergas, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega. O acceso sen proba de exame, resulta da baremación de méritos de experiencia, formación académica e continuada, publicacións, entre outras.