Os museos autonómicos realizarán exposicións e numerosas actividades durante o ano

LugoXa | TerraChaXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Entre elas destacan as que fan uso das tecnoloxías con propostas inmersivas ou as que poñen de relevancia figuras como Castelao en distintos ámbitos creativos
Viladonga
30 Mar 2025

Os museos da Xunta programan este ano un total de 60 exposicións que se complementan con máis de 160 actividades "para todos os públicos e intereses". Así o anunciou o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, que, xunto co director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, deu conta dun calendario de propostas que abarca 11 centros museísticos xestionados directamente polo Goberno galego e estendidos polas catro provincias.

Neste sentido, o representante do Executivo autonómico resaltou que estes equipamentos "continúan consolidándose como grandes xeradores de cultura na Comunidade cunha programación diversa e de calidade", ademais de lembrar que esta axenda segue a liña da Lei de cultura inclusiva e accesible, que ten por obxectivo eliminar todo tipo de barreiras, xa sexan físicas, territoriais ou de calquera outra índole, achegando a cultura a toda a poboación.

Ademais, López Campos incidiu na "aposta por seguir crecendo e ofrecendo os mellores contidos" tras superar, explicou, o medio millón de visitantes nos museos da Xunta no 2024, cun incremento do 23 % con respecto ao ano anterior. Para iso, puntualizou, "tamén lle estamos dando maior presenza ás itinerancias, que nos permiten levar proxectos xestados un determinado espazo a outros lugares de Galicia, aproveitando así mellor os nosos recursos".

Durante o acto, debullou algunhas das propostas máis destacables da programación que este ano abarca "exposicións centradas en figuras galegas de relevancia en distintos ámbitos creativos, como Castelao, así como en proxectos de carácter internacional". Todo isto, sen deixar de poñer en valor os propios fondos salvagardados en cada unha das institucións, facendo fincapé, dixo, "no compromiso do Goberno galego coa divulgación da nosa cultura e preservación da nosa identidade". Ademais, subliñou a gran aposta que se fai pola innovación e o uso das máis modernas tecnoloxías "para achegar á cidadanía experiencias únicas".

O programa expositivo vai acompañado dun amplo plan de actividades xa consolidado en cada un dos centros museísticos, exercendo tamén así como importantes puntos de dinamización cunha coidada oferta de lecer cultural.

A programación presentada hoxe comprende a Cidade da Cultura, o Centro Galego de Arte Contemporánea e o Museo das Peregrinacións e de Santiago, en Santiago de Compostela; o Museo de Belas Artes, na Coruña; a Fundación Pública Camilo José Cela, no concello coruñés de Padrón; o Museo do Mar de Galicia, en Vigo; o Museo Massó, en Bueu; o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, na cidade das Burgas; o Museo Etnolóxico e o Museo do Viño, no municipio ourensán de Ribadavia, e o Museo do Castro de Viladonga, na localidade lucense de Castro de Rei.

No Museo de Belas Artes, da cidade da Coruña, o principal proxecto deste 2025, e previsto para xuño, é A barca de Caronte: a travesía vital de Isaac Díaz Pardo, que fai un percorrido creativo pola súa obra desde a etapa pictórica á de deseñador industrial. Complétase coa ampliación do período expositivo de Arquitecturas que falan do seu tempo e Convidadas, dúas miradas de Zuloaga, ademais dunha renovada experiencia virtual coa torre da Parada. O espazo ofrece, por outra banda, programas educativos e distintos cursos que teñen que ver coa arte, o gravado ou o debuxo manga, así como ciclos musicais e actividades de lectura.

En Lugo destaca a intensa actividade do Museo do Castro de Viladonga, localizado no concello de Castro de Rei. Así, na vertente expositiva ofrece a oportunidade de coñecer materiais arqueolóxicos relacionados coa metalurxia do ferro coa produción do ferro na antigüidade. Unha achega desde Viladonga, e celebra os 25 anos da declaración da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade con outra mostra.

Para destacar todo o seu potencial, este enclave programa unha serie de talleres tanto para escolares como para adultos ou para gozar en familia e con moi diferentes eixos. Así mesmo, tamén celebra varias efemérides como as Letras Galegas ou o Día Internacional dos Museos.

O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense continúa coa súa acción divulgativa Peza do Mes, coa que lle dá difusión aos seus fondos. Ademais, para o segundo semestre do ano ten prevista a posta en marcha dunha exposición fotográfica con instantáneas representativas do traballo de documentación desenvolto na propia entidade. Así mesmo, entre a súa actividade destacan os distintos ciclos de charlas e mesmo sesións de cinema.

Non centro ofrecen ciclos de cinema centrados nas súas temáticas e actuacións musicais, ao que se engaden outras propostas para celebrar datas destacadas como as Letras Galegas.

⚙ Configurar cookies
0.15800905227661