Os pacientes con ingresos especiais do CHUO poderán recibir a visita das súas mascotas

OurenseXa
Este programa de humanización chamado “can da man” vai dirixido ao benestar dos pacientes desde un punto de vista terapéutico e emocional
Presentacion-can-da-man
Presentación do programa "Can da man"
30 Jan 2025

As mascotas poderán visitar de forma excepcional aos seus “familiares” cumprindo cunhas estrictas normas sanitarias e de seguridade, avaliadas polo Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense, e sempre previa autorización dun facultativo

O servizo de Atención ao Paciente e Humanización, a Subdirección de Calidade, Humanización e Atención a Cidadanía do Hospital Universitario de Ourense e o Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense veñen de activar un programa que permitirá a visita de animais de compañía a pacientes con ingresos especiais e que precisan do contacto puntual coa súa mascota como parte dun tratamento psicolóxico e emocional complementario ao seu proceso de recuperación.

No acto estiveron presentes o Xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba Bouzas, acompañado por Belen Piñeiro Bóveda, Xefa de Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, Juan José Gómez Fernández, Presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense, Nuria Seijas, Psicóloga Clínica do Hospital Universitario de Ourense, e Lois López Gutiérrez, Subdirector de Calidade, Humanización e Atención a Cidadania da área sanitaria.

Este programa pioneiro en Galicia comezou a desenvolverse na mañá de hoxe cun paciente novo de cirurxía vascular, cunha patoloxía de alto risco e cun ingreso de longa duración, que solicitou acollerse a esta iniciativa a través da especialista en psicoloxía clínica que lle atende durante os seus períodos de ingreso.

Para a psicóloga Clínica do CHUO, Nuria Seijas, que lle propuxo a idea ao paciente “o programa aporta un beneficio terapéutico a todos os niveis, a nivel psicolóxico, físico e ata para a control da dor do propio paciente como se puido comprobar na experiencia noutros hospitais nacionais que comezaron con esta iniciativa de humanización con excelentes resultados”.

VISITA DE CANS AOS CENTROS SANITARIOS

Por motivos de saúde pública está prohibido que os animais de compañía accedan aos edificios e dependencias públicas onde se desenvolva actividade asistencial na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo contadas excepcións relativas aos cans de asistencia, aos animais utilizados nos casos de terapias ou en visitas a pacientes terminais, así como casos de ingresos especiais de longa duración onde o acceso da mascota poida producir un beneficio para o paciente.

Os pacientes interesados en acollerse a este programa deberán solicitar a visita do seu animal na Unidade de hospitalización na que estean ingresados e deberán contar sempre coa aprobación médica. Ademais os interesados deberán acreditar a través dun informe dun profesional veterinario que o can cumpre as medidas de hixiene, desparasitación e vacinación correctas e tamén deberá avaliar o carácter e o comportamento do animal. Asemade será o Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense o que e no caso de considerarse apto para realizar a visita deberá comunicarllo ao Servizo de Atención ao Paciente e Humanización do hospital ourensán.

Para o Presidente do Colexio Oficial de Veterinarios de Ourense, Juan José Gómez Fernández, “a certificación do veterinario previa á visita é imprescindible para permitir o acceso de animais domésticos a un centro sanitario xa que deben cumprir unhas medidas hixiénicas e sanitarias moi exhaustivas” Os encontros deberán producirse sempre nun espazo designado polo hospital que permita o acceso do animal fóra da contorna das unidades de hospitalización e do circuíto habitual que utilicen os pacientes ingresados.

O lugar axeitado no CHUO é a Cuberta Terapéutica situada na azotea do novo edificio de hospitalización que é un lugar afastado de toda actividade asistencial do centro e o can deberá estar acompañado en todo momento por unha persoa responsable e un profesional do propio hospital.

O familiar ou persoa da contorna do paciente será a encargada de preparar ao animal para a visita e acompañalo durante a súa chegada ao centro hospitalario, así como seguir as recomendacións sobre hixiene e seguridade que se lle indiquen. Ademais será a encargada de ennviar a documentación da mascota (pasaporte) o Servicio de Humanización e Atención a Cidadanía e será este Servicio o que remitirá dita documentación o Colexio Oficial de Veterinarios para a súa revisión e confirmación, de ser o caso, de que a mascota cumpre ás condicións axeitadas para o seu acceso.

Este programa de humanización da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras tamén poderá ser adaptado aos hospitais públicos de Verín e Valdeorras sempre que os pacientes que así o soliciten cumpran os requisitos recollidos no protocolo.

TERAPIA CON CÁNS NO HOSPITAL DE PIÑOR

A entrada de cans aos recintos hospitalarios non e nova en Ourense xa que o Servizo de psiquiatria do CHUO foi pioneiro en Galicia na terapia asistida con animais no ano 2009 coa incorporación de cáns como forma complementaria ao tratamento para os pacientes de Saúde mental ingresados no Hospital psiquiátrico de Toén.

Este programa iniciado no seu momento coa fundación Affinity conseguiu un efecto terapéutico inmediato xa que inducía á responsabilidade no coidado do animal por parte dos pacientes, achegandolles un benestar físico e psíquico. Estes primeiros cans chamábanse Curro e Menta de razas golden retriever e labrador respectivamente. No ano 2012 houbo o traslado do Hospital de Toén a Piñor e tamén o conseguinte mantemento deste programa exitoso para os pacientes que continúa na actualidade. A xefe de sección das unidades hospitalarias de rehabilitación psiquiátrica do hospital de Piñor, María Jesús Gómez, destaca os efectos terapéuticos da introdución destes cans no hospital.

"A nosa idea non era tentar armar ningún protocolo ríxido cos cans, senón que os animais nos serviran de escusa para mobilizar e facer actividades cos pacientes". Neste sentido, tanto o persoal do hospital como os internos son os encargados do seu coidado. Desta forma, o hospital de Piñor convértese nun espazo de vida. "Isto dalle aos pacientes un lugar na institución moi importante. Non son un obxecto pasivo, senón un axente activo.

0.16879391670227