Os pacientes de psiquiatría de Ourense amosan a súa obra na exposición internacional de Art-Brut ‘Ao Cubo’

OurenseXa
A actvidade forma parte da iniciativa ‘ArteEspida’ de Piñor, nacida como un proxecto clínico terapéutico, asentado na arte como ferramenta, co obxectivo de rescatar e dar proxección á memoria dos pacientes
exposicion-ao-cubo
Exposición 'Ao Cubo'
16 Apr 2025

Unha escolma das obras dos pacientes de psiquiatría de Ourense, no marco da iniciativa “ArteEspida” de Piñor, forman parte da exposición internacional de Art-Brut “Ao Cubo”, que reúne este mes, no Centro Joaquín Roncal de Zaragoza a tres colectivos que promoven a creación de autores con diversidade psíquica: ArtEspida; Andar de Nones de Aragón, e o Taller de Creacións Artístico-Gráficas do Centro Terapéutico e de Investigación de Nonette, en Clermont Ferrand (Francia).

A exposición da visibilidade ao traballo destes tres espazos creativos, que manteñen unha estreita e longa colaboración desde hai anos, desde ámbitos distintos pero complementarios. Aínda que cada espazo ten o seu estilo e contexto (saúde mental ou ámbito cultural), todos comparten unha filosofía común: a aposta pola singularidade e o respecto polo suxeito, inspirados na psicanálise. Esta mostra inclusiva está organizada pola Fundación Nudos e TEAdir-Aragón, da que xurde a iniciativa “Andar de Nones” Espazo creativo para persoas con diversidade funcional.

ArtEspida coincide cos outros integrantes do cubo en que nos seus talleres non se “ensina a pintar”, senón que inventan lugares onde a vida acontece, onde a arte nace sen moldes, desde o humor, o vínculo, a liberdade. Son como eles mesmos definen “lugares onde se pode estar ben, onde a palabra non é a única vía de expresión, onde a creación convértese en paixón”. E é precisamente grazas a esa paixón que xorde a obra, pero tamén algo máis: un vínculo, un amarre á vida, aos demais, ao desexo de existir e de compartir.

ArtEspida: Espazo Libre de Creación

Esta non é a primeira exposición de ArtEspida, que xa participou en outras mostras colectivas e levou, en 2023, ao Centro Cultural Marcos Valcarcel “Arte e Loucura: Escoitar cos ollos”, un percorrido pola arte como expresión e terapia ante a dor psíquica, por medio dunha escolma das obras realizadas polos pacientes, ao longo dos últimos 60 anos da historia asistencial da psiquiatría ourensá, de Toén a Piñor, co obxectivo de poñer esta colección en valor e dar recoñecemento aos seus autores.

ArtEspida xurde en Piñor como proxecto clínico terapéutico, asentado na arte como ferramenta, co obxectivo de rescatar e dar proxección á memoria dos pacientes do pasado, silente na obra artística de Art Brut “rescatada” do Hospital Psiquiátrico de Toén e, tamén, crear un espazo de libre creación, capaz de dignificar a arte emerxente fora de ataduras e estigmas.

Arte como ferramenta e terapia

No Día Internacional da Arte, recoñecido en 2019 pola UNESCO, coincidindo coa data de nacemento de Leonardo Da Vinci, desde o Servizo de Psiquiatría lembran que, desde sempre, a arte é unha das maneiras de aliviar o sufrimento psíquico, en todas as culturas, ou como dí a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura: un medio para que as persoas poidan expresar ideas, conciencia social, críticas e reflexións, utilizando distintos recursos plásticos, sonoros ou lingüísticos.

ArtEspida é un espazo de creación libre, orientado terapéuticamente, aberto tamén a pacientes non ingresados que decidan participar, no que ademais colaboran artistas interesados nos procesos creativos subxacentes, que desde o outro da razón que irrompe sen coñecementos académicos previos.

Ademais é tamén un proxecto de humanización, que usa a arte como núcleo para abrir o hospital a sociedade, como catalizador da inclusión social e de loita contra o estigma asociado ao sufrimento mental. Deste xeito Piñor convértese nun espazo creativo, compartido entre pacientes e artistas que, coa súa presenza no hospital, ten efectos nas dinámicas hospitalarias, rompendo as barreiras simbólicas dun suposto lugar pechado, de exclusión e mesmo de reclusión.

En verbas dunha das súas promotoras, a psiquiatra Chus Gómez, “ArteEspida é un proxecto transintitucional e global, serve á humanización e dinamización hospitalaria, promove a ruptura de discursos estereotipados, abre o hospital ao mundo, loita contra o estigma e a marxinación, potencia a investigación clínica e terapéutica, articula sanidade, sociedade e cultura é dicir: Aspira á inclusión social e pon un límite á segregación”.

⚙ Configurar cookies
0.29863786697388