Os socialistas esixen respostas á Xunta ante o “caos” que está a xerar a demolición do CS Novoa Santos

Ante demolición do antigo Centro de Saúde Novoa Santos anunciado polo executivo autonómico, as e os socialistas presentaron unha batería de iniciativas “pola incertidume xerada tanto para os profesionais sanitarios como para os e as usuarias destas instalación”. “Coñecemos o malestar dos traballadores e traballadoras e dos e das pacientes non só polos traslados datados para despois do verán, senón polo unilateral da decisión que foi comunicada sen unha reunión previa para unha mellor organización e sen ter en conta as opinións ou necesidades dos e das profesionais”, subliña a voceira do grupo municipal socialista no Concello de Ourense, Natalia González Benéitez.
“Algúns pacientes serían derivados ao centro de especialidades de Concejo e outros ao centro de saúde de O Couto e entendemos que esta decisión suporá unha sobrecarga de traballo para ámbalas dúas instalacións sanitarias. Especialmente no caso do Couto que duplicaría forzosamente a súa capacidade asistencial”, advirte a deputada do PSdeG no Parlamento Carmen Rodríguez Dacosta.
Tamén propoñen as e os socialistas varias cuestións para a súa resposta por parte do goberno galego. Entre elas queren que se dean explicacións sobre que vai acontecer co fundamental departamento de Saúde Mental e co emblemático Centro de Orientación Familiar (COF) que se situaba nese edificio da rúa Xoan XXIII e que ofrece unha atención imprescindible dende hai anos.
“Ante a ausencia de planificación e o caos que están a xerar as decisións do executivo de Alfonso Rueda, non podemos máis que instar á Xunta de Galicia a que deixe de xogar ao tetris coa Sanidade pública en Ourense e que presente unha planificación seria, rigorosa e eficaz consensuada coas partes afectadas”, reclama sobre as necesidades que demandan os e as usuarias e os e as profesionais que xa están a recoller firmas para unha iniciativa cidadá.