Os socialistas ourensáns logran o apoio da Deputación para poñer en marcha plans fronte á lexionela e a silicose

A Deputación de Ourense aprobou hoxe dúas mocións impulsadas polo Grupo Provincial Socialista que abordan dous graves problemas de saúde pública na provincia: a reemerxencia da silicose e a proliferación da bacteria da lexionela. Ambas iniciativas foron aprobadas co apoio maioritario dos grupos políticos da cámara, obtendo deste xeito os socialistas o compromiso institucional da corporación coa seguridade sanitaria e o benestar dos cidadáns fronte a dúas casuísticas que afectan de cheo á provincia de Ourense.
No que concirne á lexionela, Diego Fernández Nogueira, deputado socialista e poñente da iniciativa, destacou a importancia dunha resposta coordinada desde a Deputación para protexer a saúde pública e a imaxe da provincia. “A lexionela, bacteria asociada á febre dos lexionarios, segue sendo unha ameaza significativa en Ourense, nomeadamente en instalacións termoilladas e sistemas hídricos mal mantidos”, subliñou Fernández. Nos últimos anos, os datos son alarmantes: 33 casos rexistrados en 2022, o máis alto da pasada década, e unha taxa de incidencia que duplica a media estatal.
“Unha situación que pon en risco a saúde das persoas e tamén afecta negativamente ao turismo, sobre todo o termal, que é un dos motores económicos da provincia”, dixo o deputado socialista. A moción socialista propón a creación dun fondo de apoio a concellos de menos de 20.000 habitantes na adaptación das súas instalacións hídricas, e a realización de campañas informativas e formacións específicas para técnicos e responsables das infraestruturas. Para Fernández, “son medidas que buscan garantir unha correcta prevención e control da lexionela, minimizando os riscos para a poboación e mellorando a seguridade sanitaria das instalacións públicas”.
Frear a silicose
Doutra banda, a silicose foi o foco dunha segunda moción presentada polo Grupo Provincial Socialista na Deputación. O encargado de defendela foi Emilio Díaz Vidal, deputado socialista e alcalde de Melón, quen subliñou a urxencia de actuar fronte a esta enfermidade profesional que afecta especialmente aos traballadores do sector extractivo e transformador de pedra natural, como a lousa e o granito.
“Galicia, e particularmente a provincia de Ourense, é a comunidade autónoma máis afectada pola silicose, concentrando case o 30% dos casos notificados en España nos últimos anos”, afirmou Díaz. Segundo este, “en Valdeorras, onde se extrae arredor do 70% da produción española de lousa, o problema é especialmente grave, con 56 novos casos diagnosticados en 2023”. Aquí, a exposición prolongada ao po de sílice cristalina, clasificada como substancia canceríxena, presenta un risco acumulativo que pode levar ao desenvolvemento da enfermidade décadas despois da exposición inicial.
Para facer fronte a esta crise, os socialistas puxeron sobre a táboa a creación dun plan integral que inclúa a instalación dun rexistro provincial de enfermidades profesionais, exames médicos gratuítos para traballadores expostos, a creación dunha unidade especializada de enfermidades pulmonares ocupacionais no Hospital Comarcal de Valdeorras e campañas informativas dirixidas a empresarios e traballadores. Ademais, un plan que inste ás empresas a adoptaren protocolos de seguridade laboral e incentive a instalación de sistemas de ventilación e aspiración para reducir a exposición ao po de sílice.
Compromiso coa saúde e benestar provincial
Ambas as mocións reflicten o compromiso do Grupo Provincial Socialista coa saúde pública e o desenvolvemento sostible da provincia de Ourense. Tanto Fernández Nogueira como Díaz Vidal abondaron na “necesidade de, baixo o liderado de Deputación de Ourense, unha acción coordinada entre administracións, empresas e cidadáns para abordar estes desafíos de maneira efectiva”. “Alén de mitigar os impactos destes problemas, hai que ofrecer atención integral aos afectados e promover dinámicas laborais e sociais sustentables que dean prioridade á saúde e o benestar da veciñanza da provincia”, concluíu o socialista Díaz Vidal.