Os socialistas ourensáns continúan as sesións informativas dirixidas aos retornados de cara á renda
O PSdeG-PSOE de Ourense, a través da secretaría provincial de migracións, continúa coas sesións informativas dirixidas ao colectivo de emigrantes retornados para aclarar as súas dúbidas sobre a declaración da renda e cuestións relacionadas coa mesma. Desta vez, os socialistas analizaron a situación con veciños e veciñas de Mugares (Toén), un encontro ao que asistiron 20 persoas e tamén coa veciñanza de Rairiz de Veiga, onde acudiron uns 40 asistentes.
Nos encontros estiveron presentes concelleiros e concelleiras socialistas de ambos municipios, así como a alcaldesa de Rairiz de Veiga, Asun Morgade. Nestas sesións explicouse o concepto de dous pagadores, insistindo que o primeiro pagador é sempre a pensión española aínda que sexa moi inferior á principal que adoita ser a procedente do estranxeiro.
Os asistentes que traballaron en Alemaña, Suíza, Holanda e Francia, tamén foron informados polo secretario provincial de migracións, Luís Gulín Iglesias, que no caso de ter unha pensión española sen retención de IRPF, poden solicitar voluntariamente á Seguridade Social unha porcentaxe determinada para rebaixar a débeda tributaria a pagar.
No caso do colectivo retornados de Alemaña, Gulín recalcou unha vez máis a “obrigatoriedade” de darse de alta na Axencia Tributaria alemá (Finanzamt Neubrandenburg) se unha persoa percibiu nos últimos anos algunha pensión do país xermano. Os e as retornadas de Alemaña reclaman á Xunta de Galicia e as súas oficinas de atención ao emigrante, “unha mellor atención e información no trámite co chamado imposto do 5 por cento”.
“Outras das reclamacións que nos trasladan os e as emigrantes do país xermano e que dende a Consellería de Política Social se preste axuda telemática a hora de solicitar a prestación de dependencia alemá”, explica Luís Gulín. Neste senso, o responsable de migracións do PSOE ourensán lembra que “antes da disolución do parlamento de Galicia no mes de decembro, o grupo parlamentario do PSdeG presentou unha iniciativa correspondente para facilitar a efectos fiscais o recoñecemento de grao de dependencia dos retornados de Alemaña, que só perciben pensión alemá e ningunha española”.
“Por unha sentenza do TSJUE do ano 2012 os retornados de Alemaña, que non perciban pensión española, teñen dereito á prestación económica de dependencia do seu seguro médico (Krankenkasse) que oscila entre 340 a 930 euros mensuais segundo o grao de dependencia outorgado por Alemaña”, apunta Gulín.