Os socialistas ourensáns esixen unha sanidade pública suficiente e de calidade para toda a veciñanza

OurenseXa
Grupo Provincial Socialista presentou no Pleno da Deputación unha moción para esixir “unha sanidade pública suficiente e de calidade para toda a veciñanza, independentemente do seu lugar de residencia”
Pleno_Deputación_Ourense
26 Xan 2024

O Grupo Provincial Socialista presentou no Pleno da Deputación unha moción para esixir “unha sanidade pública suficiente e de calidade para toda a veciñanza, independentemente do seu lugar de residencia”. “A situación na que se atopa a área sanitaria Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras é certamente límite. A Xunta de Galicia en mans do Partido Popular ten que tomalo en serio dunha boa vez e adoptar medidas urxentes para acabar con tantas eivas que afectan á saúde das nosas veciñas e veciños”, sostivo a deputada socialista Elvira Lama. A proposta foi introducida por Carlos Nemesio, membro da Plataforma para a defensa da sanidade do Carballiño, quen tomou a palabra dando conta que “fai catro meses e 21 dias desde que se xubilou Conchita, a nosa pediatra, quedando vacante o posto desde entón”, unha mostra de que a “situación non cesa de deteriorarse, de xeito inquietante, instalándose a precariedade na atención sanitaria”.

Nemesio repasou algúns fitos que dan conta do depauperamento da sanidade pública no Carballiño: non se cobren as baixas, o servizo de pediatría é limitado ou inexistente, hai problemas con xinecoloxía, non se conta con matrona estable, nin atención psicolóxica, non se abren servizos acaídos coa realidade social e demográfica da comarca, ás veces non hai médicos nas Urxencias, o continxente de ambulancias é xusto para a demanda da vila e da súa entorna, ou concorren disfuncionalidades con avellentados equipos como o aparello de radiografías. “Despois de 8.451 sinaturas, dúas mobilizacións multitudinarias, unha reunión co Conselleiro de Sanidade e outra coa xerencia da área sanitaria Ourense-Verín-O Barco prometéronnos para O Carballiño un pediatra para dentro de dous meses e quizais outro máis a finais de ano, non sendo a primeira vez que auguran pequenos arranxos para os nosos males, deixando namentres se atención aos máis de 2.600 cativos da nosa comarca”, explicou o membro da Plataforma sanitaria da Vila do Orcellón.

Según os socialistas, o malestar é extensivo a toda a provincia, como denota a existencia de Plataformas para a defensa da sanidade tamén en Xinzo de Limia, Verín e Valdeorras. Sobre a “dramática situación sanitaria” nesta última comarca afondou o deputado socialista e tenente de alcalde no Barco, Tino Alonso, quen aludiu a “un plan premeditado do PP para, recortes mediante, converter o Hospital Comarcal de Valdeorras nun sinxelo centro de saúde”. Alonso repasou servizos que se viron “brutalmente reducidos” durante os últimos anos, coma cirurxía, traumatoloxía, dermatoloxía, pediatría, hematoloxía ou oftalmoloxía, entre outros, implicando un incremento das derivacións á capital provincial un 30% desde 2016 e reducíndose até un 20% as intervencións cirúrxicas e ingresos no centro valdeorrés. O deputado socialista concluíu que “non hai data para a incorporación de especialistas e o hospital sempre está en precario, xa que o PP non ten intención na estabilización do persoal e o máximo ao que aspiramos é a recuperar os servizos que xa tiñamos en 2009”.

O Grupo Provincial Socialista tamén presentou unha iniciativa “para a creación e financiación de centros de atención a persoas maiores en colaboración cos concellos”. “Un 36,5% dos habitantes da provincia de Ourense terán máis 65 anos ou máis no ano 2037, catro puntos por riba da media galega (32,4%), segundo proxeccións do Instituto Galego de Estatística, representando a día de hoxe a poboación de máis de 65 anos ata un 31,8% do total ourensáns”, explicou a deputada socialista Marina Vaz. Segundo esta, “as prazas en residencias públicas son insuficientes para dar resposta á demanda, presentándonos os centros privados como a única alternativa para os nosos maiores, coa agravante de que o custo medio mensual destes establecementos oscila entre os 2.300 e 3.000 euros, tendo os galegos unhas das pensións de xubilacións máis baixas do Estado español, de 1.023,04 euros mensuais de media, á luz dos datos do Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións”.

Os socialistas engaden que á falta de prazas e ao custo excesivo da alternativa privada hai que engadir as deficiencias na atención. “A Organización Colexial de Enfermería de Ourense sitúa entre as súas principais preocupacións as carencias asistenciais dos xeriátricos da provincia, amosando as súas inquedanzas pola precariedade dos coidados que están a recibir os residentes, que son un continxente particularmente vulnerable”, precisou Vaz. Neste senso, os socialistas demandan a realización dunha auditoría sobre estado de cousas certo da atención aos nosos maiores para atender ás necesidades reais e mellorar a eficiencia na utilización dos recursos públicos, apostando mesmo por novos modelos de xestión directa en colaboración cos concellos, multiplicando residencias públicas sufragadas pola Deputación de Ourense para que poidan prestar servizo mesmo a pequenos núcleos de poboación. “Non podemos continuar a tolerar a situación de desleixo na que o PP mantén aos nosos maiores, e de xeito agravado aos maiores do rural, que só lle importan cando chegan eleccións”, sentenciou a deputada socialista.

0.19301605224609