Os socialistas pedirán na Deputación a adopción de medidas contra a lexionela e un plan contra a silicose

OurenseXa
Ambas iniciativas serán debatidas no pleno previsto para este venres
grupo-provincial-socialista-ourense
Grupo Provincial Socialista
24 Apr 2025

O Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense presentará no pleno deste venres unha iniciativa para abordar a proliferación da bacteria da lexionela, que se conforma como unha das principais preocupacións de saúde pública da provincia. A través desta iniciativa, os socialistas buscan impulsar un plan coordinado que permita previr e controlar potenciais brotes do andazo, garantindo así a seguridade e a protección da veciñanza e tamén do sector turístico, nomeadamente o termal, que é un dos motores económicos de Ourense.

Nesta mesma liña o voceiro do PSdeG-PSOE na Deputación de Ourense, Álvaro Vila Araújo, subliña que “a lexionela non é só un problema de saúde pública, senón que tamén é unha ameaza directa ao noso sector turístico e á imaxe que proxectamos como provincia”.

“Asistimos a un incremento alarmante de casos de lexionela, con cifras que nos sitúan como a provincia máis afectada. Non podemos seguir de brazos cruzados, sendo a responsabilidade da Deputación liderar un esforzo común para protexer ás persoas e soster a nosa economía local", di Vila.

Segundo datos oficiais do ministerio de Sanidade, en 2022 rexistráronse 33 casos de febre dos lexionarios na provincia, sendo esta a cifra máis alta da última década. A taxa de incidencia situouse en Ourense en 2,8 casos por cada 100.000 habitantes, case o dobre da media estatal.

A moción contempla a creación dun fondo destinado a apoiar aos concellos na adaptación e modernización dos seus equipamentos hídricos, garantindo o cumprimento da normativa en vigor. “Moitos concellos non teñen recursos para manter as súas instalacións en condicións óptimas e hai que garantir que ninguén se quede atrás na prevención da ameaza”, apunta o socialista.

A iniciativa do PSdeG-PSOE inclúe tamén o impulso de campañas informativas de sensibilización dirixidas á poboación, así como a organización de cursos de formación para técnicos e responsables de instalacións hídricas municipais, facilitando os coñecementos necesarios para minimizar os riscos asociados á lexionela. Segundo Vila, "a información e a formación son armas poderosas contra este problema. Debemos concienciar á sociedade e dar ferramentas ás persoas encargadas de manter as instalacións coa fin de que os eventuais riscos non cheguen a materializarse”.

O voceiro provincial socialista destacou que a problemática da lexionela non pode ser abordada de forma illada, senón que require dunha “acción coordinada entre administracións, empresas e cidadáns”. Neste sentido, Vila fincou o papel fundamental da Deputación como “ente promotor e coordinador de políticas territoriais que beneficien a toda a provincia”.

"Non podemos permitir que a imaxe de Ourense, recoñecida pola súa riqueza termal e natural, sexa danada por un problema para o cal dispomos de capacidades de prevención e control”, afirmou. “Esta moción é un paso firme cara a unha provincia máis segura e competitiva", concluíu Vila.

Un plan integral contra a silicose na provincia

No pleno de mañá tamén se debaterá unha moción socialista para a adopción dun Plan Integral contra a Silicose, unha enfermidade profesional que segue a afectar gravemente á saúde dos traballadores da provincia, nomeadamente no sector da lousa en comarcas como Valdeorras.

Álvaro Vila Araújo, voceiro socialista na corporación provincial, xustifica a iniciativa en que "a nosa provincia precisa dun plan que combine prevención, tratamento médico, sensibilización e innovación para protexer aos traballadores e dar resposta ás familias que están sufrindo as consecuencias desta enfermidade".

"Non podemos seguir ignorando un problema que está a deteriorar a saúde dos nosos veciños e veciñas. En Galicia, e particularmente en Ourense, concentramos case o 30% dos casos de silicose detectados en España nos últimos anos. Isto non só evidencia a necesidade de accións inmediatas, senón tamén o compromiso que a Deputación ten que ter como institución que se preocupa polo benestar da provincia para liderar esta causa", declarou Vila.

O voceiro socialista tamén abondou na importancia de modernizar os sectores produtivos onde se rexistran un meirande número de casos de silicose. "Queremos abrir liñas de axuda para que as canteiras e obradoiros artesanais poidan incorporar tecnoloxías que reduzan a emisión de po. Non se trata de parar a actividade económica, senón de facela máis segura e sustentable, garantindo así o futuro do sector e a saúde dos traballadores", engadiu.

A proposta inclúe a creación dun rexistro provincial de enfermidades profesionais para mellorar a detección precoz e xerar datos precisos que permitan deseñar políticas efectivas. Ademais, buscarase promover protocolos de seguridade laboral para empresas de alto risco, subvencionar equipos de protección individual de alta calidade e incentivar a instalación de sistemas de ventilación e aspiración en espazos de traballo expostos ao po de sílice.

Outro dos puntos clave da iniciativa é instar á Consellería de Sanidade para que se cree unha unidade especializada de enfermidades pulmonares ocupacionais no Hospital Comarcal de Valdeorras, zona onde o impacto da silicose e particularmente elevado. “Esta unidade contará con especialistas e garantirá a gratuidade de tratamentos médicos, incluíndo rehabilitación respiratoria e asistencia psicolóxica para os pacientes”, subliñou Vila. A moción socialista tamén contempla facilitar o acceso a axudas económicas para persoas con silicose incapacitante para ver de mellorar as súas condicións de vida.

O Grupo Provincial Socialista tamén propón poñer en marcha campañas informativas dirixidas a empresarios, traballadores e sociedade en xeral sobre os riscos da exposición ao po de sílice. Ademais, ofrecerase asesoramento xurídico gratuíto aos traballadores afectados para reclamar os seus dereitos, incluíndo indemnizacións e compensacións.

Finalmente, Álvaro Vila insistiu en que "esta moción é un chamamento á responsabilidade compartida, tendo a Deputación de Ourense a obriga de erixirse en motor deste esforzo colaborativo porque os traballadores non poden seguir pagando coa súa saúde o prezo do progreso económico".

⚙ Configurar cookies
0.17038798332214