Os socialistas piden transparencia ao goberno de Jácome ante a controversia que está a xerar a reforma do Posío

Dende o grupo municipal socialista defenden que o Xardín do Posío é, sen lugar a dúbidas, “un espazo de memoria viva da nosa cidade, diferente e con personalidade propia, que ofrece singularidades especiais a todos os ourensáns e ourensás”. “Na súa orixe foi un xardín botánico, creado no ano 1846 polos mestres da cátedra de Física, Química e Historia Natural do antigo Instituto de Segunda Ensinanza (actual Otero Pedrayo), que o dotaron de árbores e plantas traídas expresamente do Xardín Botánico de Madrid e que chegaron a reunir ata 200 especies”, lembra a voceira do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González.
Pouco despois, segundo os datos obrantes, no ano 1855 a instancias do Gobernador Jiménez Cuenca, o alcalde de Ourense Ramón Baamonde e o Bispo Luis de Lastra, por unha cantidade de 70.000 reais de vellón, acometeuse inicialmente a creación dunha nova alameda e posterior construción do xardín coa incorporación das fontes ornamentais. Este proxecto de reforma do Xardín do Posío foi un dos exemplos de renovación urbanística levada a cabo na segunda metade do século XIX nas capitais de provincia.
O recinto estaba ocupado, nos seus inicios, por un monte comunal e a través do tempo foi obxecto de varias reformas, algunhas desafortunadas, que modificaron substancialmente o primitivo trazado, aínda que pese a elo conserva a súa división originaria dos espazos autóctonos.
“Na actualidade estanse a acometer nel as ansiadas obras de reforma integral que partían dun proxecto estudiado e acordado por todos os axentes políticos e sociais. As obras ascenden a 2,6 millóns de euros aproximadamente e está incluída a plantación de máis de 50 árbores e 5.000 plantas e no que estaba proxectada xa a retirada de 8 especies en mal estado ou inapropiadas para a dita contorna”, explica a portavoz na Administración local.
Non obstante, o grupo municipal socialista participou na convocatoria de asemblea aberta por parte de Amigas das Árbores na que se trasladou a preocupación polo avance das obras e o seu posible impacto medioambiental, xa que durante o inicio da intervención, segundo eles, contabilizaron ao redor de 25 especies arbóreas talladas.
“Entendemos á perfección a lóxica preocupación e mobilización xa que desgrazadamente vimos a estar acostumados a habituais arboricidios e nula sensibilidade medioambiental por parte dos que nos gobernan nos últimos 6 anos. Por isto, esiximos á maior brevidade ao alcalde de Ourense e o seu edil de Medio Ambiente que dean a cara e actúen con responsabilidade e transparencia, aportando as explicacións oportunas á veciñanza, o cal é a súa obriga, de maneira rigorosa e sen perder o tempo en batallas nas redes sociais para ver quen gaña o relato”, remata a tamén secretaria xeral do partido.