Os socialistas propoñen a Cristina Pato, Raquel Carrera, Paula Ginzo e Rosa María Cid Galante para o premio Clara Campoamor

OurenseXa
Ademais, defenderán unha batería de medidas para conmemorar o 8M
Natalia González e Alba Iglesias, grupo municipal do PSdeG-PSOE no Concello de Ourense
17 Feb 2025

O grupo do PSdeG no Concello de Ourense levará ao Consello Municipal de Igualdade unha batería de propostas para conmemorar o 8M na cidade e tres candidaturas diferentes para resultar premiadas co Clara Campoamor polas súas máis que recoñecidas traxectorias profesionais. Trátase de Cristina Pato –á que xa propuxeron para o galardón na edición anterior–, Raquel Carrera e Paula Ginzo –ámbalas dúas participantes coa selección española de baloncesto nos Xogos Olímpicos– e a historiadora e defensora da memoria das mestras da República, Rosa María Cid Galante.

No que atinxe ás actividades do 8M, as e os socialistas recuperan algunhas propostas xa realizadas en anteriores ocasión “por non se ter feito nada ao respecto dende o goberno de Gonzalo Pérez Jácome nos últimos anos”, como é o caso de poñer en marcha o rueiro feminino –comezando por Olga Gallego pero extendéndoo ao resto de destacadas figuras incluidas no mesmo–.

Por outra banda, a educación e a concienciación deben estar presente en todos os ámbitos da sociedade e as edís do PSdeG consideran imprescindible que lugares como os centros cívicos, as asociacións veciñais sirvan para acoller actividades ou mesas redondas nas que se reflexione sobre eidos como a linguaxe inclusiva ou para que as mulleres poidan compartir experiencias laborais e expoñer a súa opinión sobre como se podería acadar unha equidade real e efectiva no traballo.

Ademais, dende o grupo municipal socialista propoñen unha actividade sinxela para promover a reflexión e que a cidadanía poida observar a realidade dende unha perspectiva diferente e que a exhorte ao cambio. Para elo sería necesario colocar, en puntos clave, espellos con mensaxes claras sobre a igualdade e o feminismo. En lugares como escaparates de comercios, paradas de autobús, edificios públicos e rúas transitadas poderían instalarse vinilos ou adhesivos de espellos con frases curtas pero directas de tal xeito que cando alguén os mire lea: "O feminismo es ti. A igualdade comeza cando a esixes”, “Se ves desigualdade, non mires cara outro lado”, "Aquí debería haber máis mulleres facendo historia”, ou “Non somos invisibles, somos imparables”.

A maiores das propostas anteriores, entenden que 2025 é un ano no que se podería apostar pola transversalidade aproveitando o día das Letras Galegas adicado á poesía popular oral que ten como eixo central ás mulleres (xa que foron elas as que preservaron a cultura); o ano de Castelao, recuperando personaxes femininos que amosan a explotación sexual, a penosa emigración ou o servilismo cruel; e, por suposto, o 8M no que as mulleres traballadoras demostran sororidade e empoderamento para poder saír adiante no seu día a día.

0.15309190750122