Os 'Xardíns de Allariz' consolídanse como un referente no panorama paisaxístico a nivel estatal
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz abriu as portas da súa décimo cuarta edición baixo o tema central de “O xardín é unha obra de arte”. Ducias de veciños e veciñas acompañaron aos e ás paisaxistas protagonistas desta nova edición así coma aos organizadores do evento.
A temática nesta edición de 2024 buscaba extraer os avances e innovacións que as distintas correntes artísticas inocularon na sociedade: o impresionismo, o cubismo, o surrealismo. Este concepto recolleuse na convocatoria para esta edición e quedou amplamente reflectido nos xardíns que hoxe se inauguraron.
Na XIV edición poden atoparse nove experiencias que achegaran aos visitantes a xardíns inspirados en obras de autores como Van Gogh, Monet, Maruja Mallo, Agustín Ibarrola ou René Magritte. Tamén atopamos xardíns inspirados en correntes como o cubismo, o impresionismo ou no movemento pop.
Un ano máis a colaboración cos centro educativos, que nesta edición foi o IES de Allariz, plasmou na parcela o traballo sobre o impresionismo na que os rapaces e rapazas participaron activamente.
O acto de inauguración que se celebrou ás 19:0o hotras deste sábado 11 de maio, concentrou a gran parte dos paisaxistas que foron elixidos para esta edición. Así mesmo, durante o evento procedeuse a entrega do premio ao xardín gañador do voto popular de 2023, "Jardín Informal" do colombiano Julián Castañeda. Julián recibiu o seu diploma no que se certifica este galardón das mans da alcaldesa de Allariz Cristina Cid.
A súa vez foi entregado o gañador técnico elixido polos membros da Asociación Española de Paisajismo, AEP. Este galardón foi outorgado ao xardín Xeometrías do Nilo do equipo madrileño Sepam, entregando este recoñecemento ao equipo Paz González, vicepresidenta da AEP e Francisco García director do Festival.
Durante a visita ao Festival, os asistentes poderán atopar xardíns realizados por paisaxistas galegas como poden ser A arte de Mallo ou A cuadratura do círculo, así como xardíns con procedencias de Madrid, Viena, Ecuador ou Portugal.
Durante o acto de inauguración Eduardo Barba, membro do xurado realizou unha pequena intervención na que nos explicou o papel que realiza este organismo dentro do funcionamento do Festival. Eduardo é paisaxista, escritor e traballa en organismos como o Museo do Prado no que estuda a botánica na arte. El foi o encargado de presentarnos ao membros do xurado presentes e de explicarlle a todas as persoas que asistiron a inauguración dos criterios que seguiron para escoller os proxectos que hoxe visitamos.
A continuación tomou a palabra Francisco García o cal nos explicou a esencia do Festival Internacional de Xardíns de Allariz, como evolucionou durante estas XIV edicións e a proxección internacional do mesmo.
Dende a Deputación de Ourense, o presidente provincial, Luis Menor, destacou a importancia desta cita "consolidada no panorama paisaxístico e referente a nivel estatal, por ser o único con estas características, que atrae cada ano a preto de 40.000 visitantes”
Pechou o acto Cristina Cid, alcaldesa de Allariz, a que agradeceu a todas as persoas que se achegaron na tarde de hoxe ao recinto. Cristina Cid resaltou a importancia que este proxecto ten para a veciñanza na calidade de vida grazas aos espazos verdes, da dinamización económica e da proxección internacional que ten este proxecto para Allariz. Resaltou a importancia que ten vivir os espazos, e un claro exemplo diso é o Festival. Así mesmo agradeceu o bo facer dos equipos municipais implicados no proxecto. Pechou o acto invitando a todas as persoas alí asistentes que pasaran a desfrutar da primeira visita desta edición, O Xardín é unha obra de arte.
Ata o 31 de outubro poderase visitar o recinto que alberga os xardíns que concursan polo voto do público. Amósanse, ademais, os xardíns gañadores na pasada edición e o xardín deseñado polos alumnos e alumnas do I.E.S de Allariz.
O Festival Internacional de Xardíns de Allariz (FIXA) converteuse nunha cita consolidada no programa paisaxístico e referente pola súa particularidade: é o único das súas características que se celebra en todo o Estado. Cada ano, Allariz convoca este concurso ao que se presentan decenas de propostas chegadas de todo o mundo. Entre eles escóllense os que se exhiben e compiten polos votos que outorgan os máis de 40.000 visitantes que pasan cada ano polo festival.