Ourense acolle a mostra 'As imaxes do patrimonio', que pode visitarse no Edificio de Ferro
O pasado 17 de outubro celebrouse por vez primeira o día Internacional do Patrimonio Inmaterial a proposta da UNESCO. Unha data que, desde a Asociación Cultural e Pedagóxica 'Ponte...nas Ondas!', aproveitaron para reivindicar a riqueza e diversidade cultural do Estado cunha mostra fotográfica cos 25 bens patrimonio inmaterial recoñecidos pola Organización das Nacións Unidas para a Cultura, as Ciencias e a Educación. Unha mostra na que figura a propia Asociación, entidade acreditada desde o ano 2015 e escollida como modelo de boas prácticas co Patrimonio Cultural Inmaterial no estado español e Portugal en 2022.
O seu presidente, Santiago Veloso, reivindicou que a importancia do Patrimonio Cultural Inmaterial (PCI) como patrimonio “vivo e cada vez máis importante na vida das persoas e das comunidades”. Neste sentido, puxo en valor o traballo que desde PNO! levan facendo desde o ano 1995 para “poñer en valor, e ao mesmo tempo retransmitir aos máis novos e á sociedade en xeral, a existencia dun patrimonio cultural común a Galicia e Portugal que se mantivo activo e vivo por riba das fronteiras até o día de hoxe”.
A Asociación Ponte... nas Ondas! que conmemorará o vindeiro ano o seu 30 aniversario, vén traballando desde as aulas para divulgar a cultura común galego-portuguesa nas novas xeracións, empregando como soporte as novas tecnoloxías e, particularmente, a radio, procurando tecer unha ponte radiofónica entre Galicia e Portugal.
“As imaxes do patrimonio”
Con este motivo, a asociación abriu ao público a mostra “As imaxes do patrimonio” en colaboración coa Universidade de Vigo e o Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo da Deputación de Ourense, que xa pode visitarse na Facultade de Educación e Traballo Social de Ourense.
Trátase dunha mostra que recolle imaxes sobre patrimonio premiadas en concursos organizados por esta asociación cultural nos centros educativos de Galicia e Portugal. As imaxes das rapazas e rapaces seleccionadas poden verse na exposición acompañadas de textos explicativos e transformadas en parte de viñetas gráficas realizadas por ilustradores galegos.