Ourense acollerá en outubro o VIII Encontro de Academias de Cinema e Audiovisual
Ourense converterase no escenario do oitavo Encontro de Academias de Cinema e Audiovisual, organizado pola Academia Galega do Audiovisual no marco do Ourense Film Festival 2024, os vindeiros días 1, 2 e 3 de outubro.
O programa, explican desde a organización, incluirá actividades abertas ao público que serán emitidas en streaming, co propósito de concienciar e formar aos e as profesionais do sector sobre a importancia de garantir contornas laborais seguros e libres de violencia.
O obxectivo destes encontros é informar e concienciar sobre os protocolos de actuación fronte ao acoso e unidades de atención ás vítimas no sector audiovisual, actuacións que está a liderar a academia para protexer ás vítimas de este tipo de violencia.
O Encontro de Academias, explican, constituirá o primeiro foro no que as diferentes academias poñerán en común estas iniciativas, que promoven unha cultura laboral que rexeita o acoso e apoia ás vítimas de maneira efectiva e empática.
O mércores, 2 de outubro, presentarase a Unidade de prevención e atención contra as violencias no sector audiovisual e cultural, promovida polo Ministerio de Cultura e a Academia de Cinema, nunha charla inaugural impartida por Lucía Morale, asesora do Ministerio de Cultura, e Inés Enciso Merino, coordinadora da área de Desenvolvemento e Investigación da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España.
Ese mesmo día haberá tamén unha charla da quenda da Acadèmia do Cinema Català, coa intervención de Neus Pérez Romero, coordinadora do Departamento contra os abusos no sector audiovisual e das artes escénicas de Cataluña, e Laia Aubia, directora da Acadèmia, quen explicará o funcionamento do servizo de atención ás vítimas de acoso no sector. Para finalizar, Mansanet Royo, socia da Acadèmia Valenciana de l’Audiovisual (AVAV) e de CIMA, presentará o Protocolo de prevención e medidas contra o acoso por razón sexual, de xénero e/o abuso de poder dentro do ámbito laboral das artes escénicas e audiovisuais valenciana.
Estas sesións serán de acceso libre ata completar aforo e tamén poderán seguirse por streaming a través da web da Academia Galega do Audiovisual.