Ourense avanza na loita contra o cambio climático coa nova Estratexia provincial de infraestruturas verdes

OurenseXa
A Deputación e a Universidade da Coruña, no marco do proxecto europeo Green Gap, presentan un plan participativo para fortalecer os recursos naturais e adaptarse aos riscos climáticos na provincia
presentacion-proxecto-green-grap
Presentación do proxecto Green Grap
16 Jun 2025

A Deputación de Ourense e a Universidade de Coruña, socios do proxecto europeo Green Gap con outras 9 entidades galegas e portuguesas, veñen de expoñer publicamente a Estratexia provincial de infraestruturas verdes e loita contra o cambio climático de Ourense invitando aos ourensáns a realizar aportacións a este traballo de investigación.

O deputado de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e A2030, Jorge Pumar Tesouro, presidiu a xornada de posta en común da Estratexia provincial de infraestruturas verdes da provincia de Ourense que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Estivo acompañado de expertos e investigadores da Universidade da Coruña, que deron a coñecer o visor estratéxico e invitaron aos asistentes a participar neste documento mediante aportacións ligadas á localización de recursos naturais estratéxicos nos municipios da provincia que poidan servir como resposta aos riscos aos que nos enfronta o cambio climático.

Estas xornadas tamén se celebraron no Barco de Valdeorras, onde José María Lago Cabo e Xosé Miguel Pérez Blecua, deputados de Enerxía e Medio Ambiente e de Reto Demográfico e Dinamización Rural, respectivamente, acompañaron a alcaldes e colectivos sociais e empresariais das comarcas de Trives, Viana, Caldelas e Valdeorras na definición de propostas e necesidades dos seus territorios.

O proxecto europeo Green Gap, do que a Deputación de Ourense é socio cun orzamento de 170.342,00 euros (cofinanciado ao 75% polo FEDER a través do Programa INTERREG VI A España Portugal (POCTEP) 2021-2027), ten como principal obxectivo o de reforzar o papel da administración local na implantación e mellora da infraestrutura verde na loita contra o cambio climático. Con toda a información recollida na celebración destas xornadas asociadas á elaboración da Estratexia provincial de infraestrutura verde e loita contra o cambio climático da provincia de Ourense, deseñarase un Plan de Acción que permita dar resposta ás problemáticas detectadas apoiándose nas infraestruturas verdes municipais. O GREEN GAP tamén inclúe a execución dun proxecto piloto de infraestruturas verdes no Encoro das Conchas en Muíños.

Durante o peche do acto, quedou de manifesto que a elaboración da Estratexia provincial de infraestruturas verdes está incluída no Plan de Acción da A2030 provincial presentada en novembro de 2024, polo que “esta é unha mostra mais do compromiso da institución provincial co desenvolvemento sostible e a loita contra o cambio climático. Hoxe seguimos avanzando na senda da sostibilidade, ofrecendo aos ourensáns ferramentas que permitan converter as nosas debilidades en fortalezas e oportunidades”, recalcou o deputado Pumar.

⚙ Configurar cookies
0.16463088989258