Ourense bate o seu récord histórico de doazóns de órganos

OurenseXa
O CHUO é o terceiro hospital galego en número de doantes, o primeiro non transplantador, e o segundo que máis doantes exclusivamente de córneas achegou ao banco de tecidos
Unidade de Coordinación de Transplantes de Ourense
Unidade de Coordinación de Transplantes de Ourense
22 Jan 2025

Durante o ano 2024 en Ourense vinte e unha persoas e as súas familias, por medio dos equipos sanitarios da Unidade de Coordinación de Transplantes do Hospital Universitario, fixeron posible un dos actos máis solidarios e altruístas, dicindo sí á doazón, e repartindo vida a sesenta e oito persoas que se beneficiaron dun transplante de órganos.

Ourense mantén así unha taxa, difícil valorar só con números, que alcanza este ano as mellores cifras da súa historia, que con 69 doantes por millón de habitantes, supera amplamente á media de Galicia (50,7) e a media de España (52,6), a súa vez líder mundial. Nos últimos anos o aumento do número de doantes de órganos en Ourense, é constante, pasando de: 3 en 2018 e 2 en 2019, 7 en 2020, 11 en 2021, 11 en 2022, 19 no 2023 ata os 21 do pasado 2024.

Un importante traballo que sitúa ao Hospital Universitario de Ourense como o terceiro hospital de Galicia en número de doantes, tras Santiago e A Coruña, os dous que son acreditados para transplante. Por outra banda, a Unidade de Coordinación de Transplantes consolidou a colaboración coas asociacións de pacientes e tamén potenciou unha estreita colaboración dos servizos de oncoloxía médica, coidados paliativos e oftalmoloxía, no programa de detección de doantes e extracción de córneas de pacientes oncolóxicos. Esta colaboración permitiu por segundo ano consecutivo situar ao Hospital Universitario de Ourense como o segundo hospital de Galicia que máis doantes exclusivamente de córneas achega ao banco de tecidos.

Cunha cifra de 67 doantes e 134 córneas extraídas para transplante, posibilitou que o Servizo de Oftalmoloxía realizara 34 transplantes de cornea, intervención que permite recuperar ata nun 80% a visión, e se realiza integramente no Hospital Universitario de Ourense, como os de membrana amniótica, tecido osteo-tendinoso e hematopoiético.

Evitar a perda de doantes

O primeiro motivo de perda de doantes, en todo o mundo, é non detectar ás persoas que poderían selo. Evitar a perda de órganos viables para transplante é sempre unha cadea de acontecementos, baixo o risco de que se acabe rompendo polo fío mais débil. Nada pode quedar en mans da improvisación. Converter cada posibilidade nunha realidade é tarefa de moitos. Dirixindo este proceso, en Ourense está Jesús Priego, do servizo de Medicina Intensiva, e que coordina este complexo engranaxe que permite dar novas esperanzas ás persoas que esperan un transplante ser operados nun dos hospitais acreditados.

O doutor Priego salienta que “non é fácil no medio da dor dunha familia apelar á solidariedade, nin para unha familia inmersa na dor aceptar este reto solidario e altruísta, pero xuntos é posible manter a cadea de solidariedade que converte ao sistema español nun referente mundial”. Pese a que non hai idade límite para ser doante, nos últimos anos o envellecemento poboacional e os avances da cirurxía reduciron as posibilidades de doazón, ata que desenvolvemento dunha nova técnica para manter a viabilidade: a doazón en asistolia controlada (Maastricht tipo III), que foi a maioritaria na nosa Área Sanitaria cun 61,90% das dozóns totais. No que respecta aos 68 órganos doados no Hospital Universitario de Ourense, foron 36 riles, 18 fígados, 11 pulmóns, 2 corazón e 1 páncreas.

De todos os órganos doados en Ourense foron transplantados con éxito un total de 67 o que supón un 98,53 % do total. En 2024 producíronse catro negativas familiares á doazón, aspecto no que é clave o traballo de información e difusión que se realiza desde o equipo de transplantes, en estreita colaboración coas asociacións de pacientes, que coñecen ben as dificultades e esperanzas dos que agardan por un transplante. Nesta coordinación que salva vidas, hai que destacar tamén a estreita colaboración con outros servizos do hospital, para implementar tamén a doazón de tecidos, que permite que Ourense sexa o segundo hospital de Galicia que máis doantes exclusivamente de córneas achegou ao banco de tecidos autonómico.

Un sistema solidario e universal

A doazón de órganos é a base do modelo español de transplantes que garante a universalidade deste complexo procedemento e dá unha oportunidade a miles de doentes para os que o transplante supón a diferenza entre a vida e a morte ou unha nova oportunidade dunha vida plena. O consentimento baseado na xenerosidade e solidariedade das familias dos doantes é imprescindible para poñer en marcha unha complexa engranaxe .

En España, a doazón e o transplante están regulados por lei, que garante, tanto o altruísmo da doazón como a equidade no acceso ao transplante. Temos a certeza de que vivimos no estado con máis posibilidades de ser trasplantado en caso de precisalo. Todos temos dereito ás mesmas posibilidades de recibir un transplante, independentemente do lugar de residencia ou calquera outra conxuntura persoal. Para que este proceso se inicie o consentimento das familias ou achegados dos posibles doantes é imprescindible.

Dende a coordinación de transplantes de Ourense resaltan a importancia de comunicar aos nosos seres queridos a nosa vontade respecto á doazón. Pese a que somos líderes mundiais en doazón de órganos e tecidos segue sendo preciso intensificar os esforzos deste complexo proceso, xa que a lista de espera medra cada ano, porque máis persoas teñen a posibilidade de recibir un transplante como parte do seu tratamento.

0.13709402084351