Ourense bate o seu récord histórico en doazón de órganos

Un acto organizado conxuntamente, pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras e a Asociación Alcer Ourense, conmemorou hoxe o Día Mundial do Doante de Órganos, e serviu de homenaxe aos profesionais que o fan posible e á solidariedade das persoas doantes e as súas familias, lembrando a crecente contribución de doantes vivos, así como as súas vantaxes e posibilidades.
A xornada informativa, celebrada na Cuberta Terapéutica do Hospital Universitario de Ourense, estivo centrada precisamente neste tipo de doazón, que a día de hoxe representa o 40% do total de transplantes que se realizan en España. O especialista do Servizo de Nefroloxía, Alfonso Iglesias, explicou os beneficios do transplante renal de doante vivo, que permite reducir os riscos de rexeitamento e os tempos de espera; ademais coa inmunosupresión na actualidade as posibilidades de compatibilidade son sempre maiores.
Pola súa parte a coordinadora de transplantes da Área de Ourense, a ucista Estefanía Prol, detallou quen pode doar en vida, e cales son os procedementos e garantías que rodean este xesto altruísta, subliñando que a doazón en vivo é unha opción segura e cada vez máis estendida, grazas aos avances médicos e ao seguimento exhaustivo dos equipos sanitarios.
Pola súa parte, Ana Salgado, traballadora social da Asociación Alcer Ourense, achegou información sobre os dereitos das persoas doadoras vivas, avaliando a normativa vixente e as áreas de mellora nas que se debería incidir, facendo fincapé nos dereitos dos doantes en vivo polo seu compromiso.
REFERENTE NACIONAL
José Antonio Ortigueira, director médico da Área Sanitaria, agradeceu o traballo dos profesionais e, moi especialmente, daqueles que fan posible que todo o proceso se desenvolva e non sempre reciben recoñecemento, como os traballadores sociais, o servizo de atención ao paciente e humanización e o persoal administrativo. Igualmente destacou o protagonismo da Área de Ourense nun proxecto innovador, e de referencia no sector como GaliOn, na procura da detección precoz da enfermidade renal crónica (ERC).
O proxecto GaliOn pon en marcha un modelo de atención que facilita a detección temperá da enfermidade, desenvolvendo un algoritmo que analiza datos da historia clínica electrónica e resultados analíticos, para identificar pacientes en risco. Ademais, GaliOn intégrase no Proceso Asistencial Integrado (PAI) da ERC, que establece criterios para o seguimento dos pacientes segundo os resultados das súas probas diagnósticas. Así determinase o tipo de seguimento preciso ben por atención primaria ou por nefroloxía.
RÉCORD DE DOAZÓNS
Durante o ano 2024, a solidariedade de 21 persoas e as súas familias fixo posible que 68 pacientes puideran iniciar unha nova etapa, grazas a un transplante. Este compromiso permitiu que a provincia de Ourense acadara a mellor taxa de doazón da súa historia: 69 doantes por millón de habitantes, superando amplamente a media galega (50,7) e tamén a media de España (52,6), xa de por si é a máis alta do mundo, grazas ao bo funcionamento do sistema nacional de doazón e transplante, baseado na equidade e no altruísmo, o que garante o acceso universal con independencia do lugar de residencia ou das condicións persoais.
En Ourense o aumento desta decisión altruísta é unha constante nos últimos anos. En 2018 houbo tres doantes, no 2021 xa se rexistraron once e no 2023 foron dezanove. Grazas aos 21 do pasado ano, o Hospital Universitario de Ourense posiciónase como o terceiro hospital galego en número de doantes, só por detrás dos de Santiago e A Coruña, que son os dous centros de referencia acreditados para realizar transplantes.
A técnica de doazón en asistolia controlada (Maastricht tipo III) foi empregada en máis do 61 % dos casos, o que demostra o avance e profesionalización dos equipos sanitarios, que tamén traballan de forma estreita con asociacións de pacientes, para minimizar as negativas familiares, que en 2024 foron catro. A detección precoz de potenciais doantes e a comunicación clara coas familias seguen sendo retos prioritarios dunha unidade formada por un equipo profesional con plena dispoñibilidade para facer posible a doazón.
TRASPLANTE DE TECIDOS
No ámbito dos tecidos, o Universitario de Ourense destaca tamén como o segundo hospital galego en número de córneas doadas, con sesenta e sete doantes que fixeron posible córneas e a realización de 34 transplantes. Estes procedementos, xunto cos de membrana amniótica, tecido osteo-tendinoso e hematopoético, son realizados integramente no propio hospital, ampliando o abano de posibilidades de mellora para numerosos pacientes.
Desde a Unidade de Coordinación de Transplantes insístese na necesidade de comunicar en vida a vontade de doar, pois o descoñecemento desta decisión por parte das familias é a principal causa de perda de posibles doantes. Por iso, insístese na importancia de manter viva a cadea de solidariedade que fai do sistema español un referente mundial.
A celebración tamén contou con mesas informativas no vestíbulo principal tanto do Hospital Universitario como do Hospital Público de Verín, nas que se facilitou información sobre o proceso de doazón e se distribuíron materiais divulgativos.