Ourense comezará este verán unha unha experiencia piloto para validar citas médicas por SMS

OurenseXa
A iniciativa permitirá comprobar a efectividade do envío automatizado de esta información por escrito vía telefónica
novo-paseo-verde-chuo
CHUO
3 Jul 2025

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras iniciará este verán, unha experiencia piloto para validar a efectividade do envío de citas médicas, para a realización de probas ou consultas nalgún dos tres hospitais públicos da provincia, mediante mensaxes SMS aos pacientes. Esta medida busca avaliar se esta canle facilita a asistencia ás consultas e reduce o número citas perdidas.
A iniciativa permitirá comprobar se o envío automatizado de esta información, por escrito vía telefónica nunha mensaxe SMS, é máis efectivo que os sistemas actuáis, de citación mediante unha chamada telefónica, na que as veces as dificultades para contactar, ou erros na recollida da información, poden dar lugar á perda de consultas ou probas pola inasistencia do paciente.

Trátase de mellorar a organización e aproveitar ao máximo o tempo dispoñible de consulta e probas nos hospitais, valéndose dunha ferramenta que resultou de gran efectividade durante a pandemia, nas citas de vacinación. Nesta pilotaxe xerarase unha SMS que informará ao paciente da súa inclusión na axenda dunha determinada especialidade ou proba diagnóstica, co día, hospital, hora e consulta á que debe acudir. Asemade se o paciente esta rexistrado no sistema de aviso telefónico do Sergas “Lembre” recibirá e unha segunda mensaxe tres días antes da cita.

“O obxectivo é comprobar se o SMS chega con máis facilidade que a chamada telefónica e, sobre todo, se conseguimos que as persoas non esquezan a súa cita, algo que adoita pasar con frecuencia”, explica Eloy Sánchez, director asistencial da Área Sanitaria.

Durante estes dous meses, os pacientes recibirán tanto a chamada telefónica como o SMS, no momento que se xere a cita. “Avaliaremos non só a recepción das mensaxes, senón tamén a resposta da cidadanía. Se funciona ben, poderemos estendelo a outras funcións, ou incluso servir de modelo para outras áreas sanitarias”, engade Sánchez.

Por suposto os pacientes deberán seguir tramitando as súas citas polas canles habituais, nas unidades de citación dos hospitais ou directamente co persoal administrativo dos centros de saúde (nas primeiras citas ou probas solicitades desde primaria). De feito o SMS xerarase tamén cando se solicita e recibe cita de xeito presencial, sendo de especial utilidade en casos de axendas dinámicas ou reprogramación.

O Servizo Galego de Saúde xa utiliza SMS para enviar recordatorios de citas médicas e avisos sanitarios aos cidadáns. Este servizo, coñecido como "Lembra", notifica aos usuarios sobre citas pendentes no hospital, avisando 72 horas antes a modo de recordatorio. Para poder beneficiarse de este servizo é preciso rexistrarse na web do Sergas con DNI electrónico, certificado dixital ou coa Chave365, ou realizando este trámite directamente no centro de saúde.

Ao igual que durante a pandemia, para recibir correctamente esta información vía telefónica é imprescindible manter actualizados os datos de contacto no sistema sanitario, especialmente o número de teléfono móbil, así como autorizar ao Servizo Galego de Saúde para o envío de información, por medio de SMS ou incluso correo electrónico.

Para comprobar que os datos están actualizados poden dirixirse ao persoal administrativo do seu Centro de Saúde. Outra ferramenta útil para manterse actualizado no calendario de citas é a aplicación SergasMobil, que permite revisar as datas e consultas pendentes, tamén dos nosos achegados, xunto con outras moitas utilidades para garantir unha comunicación fluída entre os os pacientes e o servizo público de saúde.

⚙ Configurar cookies
0.16196417808533