Ourense contará cunha nova ordenanza reguladora das taxas do servizo intermunicipal de recollida de residuos
A Deputación de Ourense poseerá en marcha unha nova ordenanza fiscal provincial reguladora das taxas do servizo intermunicipal delegado de recollida, tratamento e eliminación de residuos de competencia local e de puntos limpos da provincia de Ourense.
Máis aló de que resulte obrigado repercutir nesta taxa a totalidade dos custos do servizo, a lei establece que se comecen a sentar as bases para unha nova estrutura de tarifas, nas que o usuario pague en función da cantidade de residuos que xera (pago por xeración). Esta fórmula non só require de importantes investimentos; tamén cambios nos hábitos da cidadanía.
A nova ordenanza fixa un primeiro paso cara este proceso establecendo unha tarifa base para todos os usos domésticos, con cotas reducidas en función da colaboración do cidadán na xestión dos residuos. Así, aquelas persoas que utilicen o punto limpo con frecuencia, cando menos dúas veces por ano, terán unha redución do 10 % na taxa. Aqueles que acrediten que compostan, doméstico ou comunitario, gozarán dun desconto do 30 %. Ambas reducións serán acumulables.
Paras as actividades comerciais haberá tres posibilidades. Unha é a tarifa ordinaria pública (por actividade e superficie) e dúas opcións máis como alternativa a esta taxa: o uso de contedores exclusivos para o tipo de actividade do comercio, pagando segundo capacidade, ou contratar o servizo cun xestor privado, dándose de baixa no servizo público.
Engadir que o cobro anual pasa a ser trimestral, de modo que habería catro recibos ao longo do ano. Neste sentido, a nova ordenanza establece que a taxa pasa a ter carácter provincial, o que implica que será a Deputación a que emita os recibos e recade este imposto nos 59 concellos (catro máis neste ano) que teñen delegada na institución provincial esta competencia.
Ademais, a Corporación provincial tamén acordou a adhesión da Deputación de Ourense, con efectos do 1 de xaneiro de 2025, ao “Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”, asociación sen ánimo de lucro integrada por administracións locais de Galicia e unidas pola vontade común de contribuír á erradicación das desigualdades norte-sur, a través de proxectos de cooperación ao desenvolvemento con países empobrecidos e a sensibilización social en Galicia.