Ourense defende a importancia do equipo no tratamento do cancro de mama

OurenseXa
No Hospital Universitario de Ourense diagnosticáronse no que vai de ano ao redor de 340 novos casos a maioría cun diagnóstico precoz o que eleva as posibilidades de curación ao 90%
Día Internacional Contra el Cáncer de Mama
Día Internacional Contra el Cáncer de Mama
19 Oct 2024

“En equipo contra o cancro de mama” este é o lema da campaña coa que o persoal de todas as profesións e servizos implicados co diagnóstico e tratamento das pacientes de cancro mama no Hospital Universitario de Ourense queren mostrar o seu apoio e poñer en valor o traballo en equipo no Día Mundial contra o Cancro de Mama.

No Hospital Universitario diagnosticáronse no que vai de ano 2024 uns 340 novos casos, a maioría cun diagnóstico precoz o que eleva as posibilidades de curación ao 90%, e moitas pacientes poden recibir o seu tratamento e consultas directamente nos hospitais públicos de Verín e Valdeorras, máis preto da súa casa e evitando desprazamentos periódicos.

Desde principios deste ano cerca de 1.160 pacientes, na súa maioría mulleres, pero tamén hai homes, accederon a vía rápida de cancro de mama, que permite que axilizar a primeira consulta en caso de sospeita por parte do seu médico de cabeceira ou outros especialistas, nun máximo de dous días, o que adianta os prazos dos estudos diagnósticos e tratamento de ser preciso.

O traballo en equipo é clave, e por elo os profesionais directamente implicados no seu diagnóstico e tratamento desde os servizos e unidades de Oncoloxía Médica, Oncoloxía Radioterápica, Unidade de Radiodiagnóstico de Mama, Unidade de Cirurxía de Mama, Anatomía Patolóxica, Medicina Nuclear e Farmacia do Hospital Universitario de Ourense queren enviar unha mensaxe de esperanza e tranquilidade ás mulleres que afrontan este proceso asistencial para o que o Servizo Galego de Saúde conta cos medios para tratalo rápida e eficazmente.

Este venres, os profesionais sanitarios do CHUO sumáronse á iniciativa solidaria “Almofadas de corazón” que son uns pequenos e prácticos coxíns de tela que serven para confortar no seu postoperatorio a mulleres que se operan dun cancro de mama. Na presentación estiveron presentes o Xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, Santiago Camba Bouzas, a Xefa de Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, Belén Piñeiro, o presidente da AECC de Ourense, Germán Rodríguez-Saá, e a coordinadora de Espazo + 60 de Afundación ABANCA en Ourense, Jennifer Chamadoira Domínguez.

Tamén estiveron presentes pacientes afectadas pola enfermidade, voluntarias da Asociación Española Contra o Cancro en Ourense e algunha das mulleres que realizaron estes corazóns de tela, voluntarias do programa Espazo + 60, de Afundación ABANCA. Estas “almofadas solidarias” foron entregadas ao persoal sanitario directamente implicado no diagnóstico e tratamento do cancro de mama para a súa entrega ás pacientes afectadas nas unidades de hospitalización de oncoloxía e nas propias consultas externas da unidade de mama.

350 novos casos ao ano
Nos últimos anos incremento da detección precoz, avance dos medios diagnósticos e terapéuticos, mellora do abordaxe e coordinación multidisciplinar, protocolización dos procesos e o alto grao de implicación de tódolos servizos, permite tratamentos individualizados á medida das necesidades e características de cada paciente e, na maioría de casos, cunha resposta cirúrxica conservadora.

A mellora dos resultados no cancro de mama son imparables pero é preciso seguir poñendo o acento na prevención, nos hábitos de vida saudables, e por suposto participando na campaña de detección precoz de cancro de mama da Consellería de Sanidade cando se é convocada; xa que a realización dunha mamografía de control segue a ser o método mais eficaz de detección. Asemade é clave avanzar na investigación.

Novos mamógrafos dixitais

Continuando coa actualización tecnolóxica levada a cabo nos últimos anos, o Hospital Universitario de Ourense incorporou o pasado ano un no vo mamógrafo dixital de última xeración dotado de tecnoloxía dixital 3D que reduce a superposición de tecidos, mellorando a taxa de detección e reducindo o número de biopsias.

Ademais Ourense tamén terá un dos cinco equipos de mamografía dixital, que recentemente foron licitados pola Xunta de Galicia, destinados ao cribado mamográfico do Programa galego de detección precoz de cancro de mama. Este novo equipo emprazarase nas área sanitaria de de Ourense, substituíndo ao xa existente, na unidade de detección precoz situada na Xefatura Territorial de Sanidade.

Programa Galego de detección precoz

O Programa galego de detección precoz do cancro de mama é unha medida da Xunta de carácter preventivo cun longo recorrido dende a súa posta en marcha no ano 1992. A súa implantación e desenvolvemento conseguiu unha mellora significativa en termos de saúde para todas as mulleres galegas, amosando o seu impacto positivo sobre a supervivencia e a mortalidade asociadas ao cancro de mama. Os retos e necesidades do programa son crecentes, tendo que abranguer unha poboación de usuarias cada vez maior, así como adaptarse ao desenvolvemento tecnolóxico.

O Programa Galego de Detección Precoz do Cancro de Mama é unha iniciativa plenamente implantada na comunidade autónoma galega e foise adaptando coa súa capacidade asistencial ás novas evidencias científicas que foron xurdindo, como a ampliación da súa cobertura ata os 74 anos de idade. O cancro de mama segue a ser o tumor feminino máis frecuente e a primeira causa de morte por cancro entre as mulleres na UE, polo que se dirixen importantes esforzos cara á súa prevención por medio de programas poboacionais de detección precoz.

A proba básica de cribado é a mamografía, que se realiza cunha periodicidade de dous anos. Se o resultado da mamografía é negativo, as mulleres reciben a información por carta personalizada, recomendándolles seguir no Programa e convidándoas a repetir o estudo ao cabo de dous anos.

Na maioría dos casos o resultado das mamografías confirma a ausencia de lesións sospeitosas. No caso de que sexa necesario realizar unha valoración clínica adicional, as mulleres son citadas para seren atendidas nunha unidade hospitalaria de diagnóstico e tratamento (unha en cada hospital da provincia), para complementar as probas realizadas e obter un diagnóstico definitivo. Grazas ao Programa, a mortalidade por cancro de mama en mulleres galegas que participaron nos cribados descendeu e mellorou a súa calidade de vida.

Técnicas como o ganglio centinela e a mellora das técnicas diagnósticas permite detectar cada día con maior precocidade estes tumores, incrementando o número de lesións non palpables (microscópicas ou nonn detectables ao tacto) Esta detección precoz eleva as posibilidades de supervivencia ata niveis de un 90 por cento dos casos.

Desde o servizo de Oncoloxía Médica, na actualidade ofrécense en Ourense a totalidade de tratamentos existentes, dándose unha resposta individualizada a cada muller, adaptando os tratamentos quimio-hormonoterápicos a cada caso, variando as secuencias de estes, cada día mais efectivos, en función das características de cada patoloxía.

Agora mesmo o Hospital Universitario de Ourense ten múltiples liñas de investigación abertas, entre as que destaca a súa participación nun ambicioso proxecto mediante o emprego da intelixencia artificial e aplicación da análise de gran volume de datos (Big Data) para mellorar a diagnóstico precoz dos pacientes e os seus tratamentos.

0.17097997665405