Ourense despide a 32 especialistas que veñen de rematar a súa formación nos hospitais comarcais

OurenseXa
A chamada “promoción da Pandemia” remata o seu período formativo que se iniciou de forma excepcional en setembro de 2020 debido ao comezo da pandemia COVID
Estudantes do MIR-0 ás portas do CHUO
Estudantes de MIR ás portas do CHUO
25 sep 2024

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras despediu este martes aos trinta e dous novos especialistas, que acaban de rematar a súa formación nas diferentes especialidades facultativas, todos e todas superaron unha intensa etapa de aprendizaxe, de catro anos, coincidindo con todo o período pandémico, no que o seu esforzo foi fundamental.

Estes trinta e dous especialistas comezaron a súa etapa formativa en setembro de 2020, catro meses despois do que viña sendo habitual, debido ao inicio da Pandemia COVID que obrigou ao confinamento da poboación nese período de tempo e polo tanto a paralización da actividade en todos os ámbitos da vida cotiá.

A denominada como a “Promoción da Pandemia” remata polo tanto unha etapa de catro anos no que o seu esforzo xunto ao dos seus titores e compañeiros foi esencial para afrontar con éxito o reto ao que foi sometido todo o sistema sanitario.

Como ven sendo habitual, con doce novos especialistas Medicina Familiar e Comunitaria é o grupo máis numeroso de post graduados, seguido de Anestesia e Reanimación (4), Pediatría (3), Psiquiatría (2) e un en cada unha das disciplinas de Obstetricia e Xinecoloxía, Análises Clínicas, Hematoloxía e Hemoterapia, Radioloxía e Radiodiagnóstico, Nefroloxía, Medicina Preventiva e Saúde Pública, Medicina do Traballo, Otorrinolaringoloxía e Psicoloxía Clínica.

Dende 1977, data da Orde Ministerial que institucionalizou a nivel nacional a vía MIR, a Comisión de Docencia de Ourense, leva mais de corenta anos formando especialistas dun xeito continuado, aumentando progresivamente a súa acreditación para impartir formación en novas especialidades e centros.

A duración do período de formación dos novos residentes depende da especialidade elixida. Todos os residentes que hoxe se despiden tiveron catro anos de formación. As especialidades de cinco anos xa tiveron o seu acto de despedida o pasado mes de maio, onde recolleron a súa certificación nas especialidades de cirurxía xeral e do aparello dixestivo, cirurxía ortopédica e traumatoloxía, medicina interna e oncoloxía médica.

A apertura do acto de clausura do curso correu a cargo do Xerente da Área Sanitaria, Santiago Camba Bouzas, que deu paso a recollida de certificacións de especialidade e entrega de premios e bolsas de estudos.

Seguidamente participaron o representante dos residentes, Fernando Borrajo, novo especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, a xefa de estudos da Unidade Docente Multidisciplinar de Atención Familiar e Comunitaria, Sandra Pardo e o presidente da Comisión de Docencia, e Jesús García Mata, pechando o acto o Xerente da área sanitaria.

Como xa ven sendo unha tradición, os novos especialistas recibiron un alfinete de prata deseñado polo escultor ourensán Manuel García “Buciños”, peza única denominada “Unha ponte cara á saúde” que lle foi encargada pola Área Sanitaria, para servir como lembranza do seu paso polas unidades docentes de Ourense.

Lembrar novamente que a formación sanitaria especializada é a máxima titulación que existe no ámbito da formación especializada e implica responder a uns estándares determinados. O seu recoñecemento repercute de xeito significativo na calidade asistencial beneficiando ás persoas usuarias en tanto que esixe seguir mantendo criterios de excelencia no labor asistencial, ademais dunha continua actualización na formación dos profesionais

Todos os residentes que agora rematan, contribuiron desde os seus servizos, ou formando parte dos dispositivos que se abriron no seu momento para loitar contra a pandemia, como foron o de atención telefónica de seguemento hospitalario dos pacientes , na atención as residencias integradas de Os Miragres e Piñor, ou organizando respostas innovadoras a esta crise, como o telefono de atención de Pediatría, de Xinecoloxía; no seguemento proactivo deste atención primaria, etc.

Unha vez mais, desde a Dirección da Área Sanitaria de Ourense deséxase facer público o seu agradecemento ao masivo compromiso e dispoñibilidade de todos eles, como o amosaron o conxunto de residentes en formación de Medicina Familiar e Comunitaria que prestaron durante este verán, un servizo imprescindible con dedicación e espírito solidario.

0.19742393493652