Ourense despídese do INORDE

OurenseXa
O grupo provincial socialista conseguiu o apoio maioritario do Pleno da Deputación para a disolución do INORDE, coa única oposición do PP
Pleno da Deputación de Ourense
Pleno da Deputación de Ourense
26 Out 2024

O Grupo Provincial Socialista logrou o apoio do groso de deputados no Pleno na Deputación de Ourense para a disolución do Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico (Inorde).

Coa única oposición do PP e o grazas ao voto favorable de BNG e DO, aprobouse a iniciativa socialista para acabar co Instituto e que “a Corporación Provincial asuma as súas pretendidas misións e proxectos”, afirmou o voceiro do PSdeG-PSOE, Álvaro Vila.

Segundo este, “malia que o Inorde preséntase coma organismo autónomo, na práctica non conta con autonomía financeira, nin administrativa, nin operativa, dependendo das liñas directrices marcadas desde o Pazo Provincial”. “Non ten sentido o mantemento de tal estado de cousas, sendo o máis razoable e eficiente a integración do Instituto nos diferentes departamentos e servizos da propia Deputación”, engadiu Vila.

“Xunto coa carencia de autonomía e o redobramento da acción da Corporación Provincial, o Instituto tampouco é modelo de eficacia nin transparencia”, engadiu Vila. O político socialista abondou en fitos da ineficacia administrativa, desperdicio de recursos, rixideces organizativas, eivas na coordinación e opacidade na decisión e xestión do Instituto. “Esta realidade fai que o Instituto non sexa nin de lonxe unha entidade protagonista no desenvolvemento provincial”, conclúe Vila.

“A disolución do INORDE aspira a modernizar a administración provincial, introducir mellores prácticas no seu cotiá, centralizar servizos para evitar de duplicidades e reducir estruturas, que sexan moito máis eficientes economicamente e, sobre todo, transparentes a ollos da cidadanía de Ourense”, debullou o voceiro do Grupo Provincial Socialista.

A proposta socialista contempla a eliminación dos cargos políticos e a integración do persoal do Inorde “nos departamentos acaídos da Corporación Provincial, en función dos seus perfís e experiencia profesional”.

Voto favorable á moción socialista a prol das farmacias rurais

O Grupo Provincial Socialista tamén acadou o apoio de todos os grupos do Pleno para incentivar e facilitar a conclusión de convenios para que os establecementos socio-sanitarios ourensáns compren os medicamentos en farmacias do seu propio concello.

Para glosar a “dramática situación” das farmacias rurais os socialistas cederon o turno de presentación da Moción a Elena Álvarez, farmacéutica dos Peares. Álvarez abondou na “situación crítica” do seu establecemento, a “nula axuda das administracións concernidas”, destacou que ningunha das residencias do concello merca no seu establecemento e o impacto negativo das ausencias prolongadas do médico dos Peares, concluíndo que “de seguir así, en xaneiro verémonos na obriga de pechar”.

“Precisamos artellar medidas que melloren as condicións destas, facéndoas viables e estables economicamente, estimando que a solución proposta polo noso grupo é a máis realista e que pode ter un meirande efecto no curto prazo”, destacou Marina Vaz, deputada socialista.

“Porque, na súa condición de servizo esencial, as farmacias rurais contribúen a paliar o éxodo cara cidades e vila, axudando a súa mera existencia a reter aos residentes, sobre todo ás persoas maiores e quen dependen de atención e seguimento médico constante, cooperando á sustentabilidade destas pequenas comunidades”, sentenzou Vaz

0.16157817840576