Ourense implanta un novo PAI para persoas con diabetes tipo 2

OurenseXa
Este PAI recolle todas as fases de atención á diabetes mellitus tipo 2, desde o tratamento á detección precoz, o que permitirá atallar as posibles complicacións que poden aparecer coa evolución da enfermidade
Ourense presenta un novo PAI de diabetes
30 Xuño 2024
A Area Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras presentou esta semana aos seus profesionais de atención primaria e hospitalaria o Proceso Asistencial Integrado (PAI) de Diabetes, que supón un novo modelo modelo de asistencia ás persoas con diabetes mellitus tipo 2, que inclúe ademais un plan preventivo individualizado con recomendacións de alimentación e estilos de vida saudables.

No acto, no que participaron o Xefe de Servizo de A Cuña, Xosé Luis Muiño López-Álvarez, a Endocrinóloga do CHUO, Iria Pinal Osorio, e o Enfermeiro Especialista en Familiar e Comunitaria do Centro de Saúde de A Valenzá, José Manuel Álvarez Pena, incidiron en que o proceso  presentando recolle todas as fases de atención á diabetes mellitus tipo 2, de feito, esta atención non só debe ir dirixida ao tratamento, senón, tamén, á detección precoz o que permitirá atallar as posibles complicacións que poden aparecer coa evolución da enfermidade.

Este documento, presentado na Consellería a finais de novembro do pasado ano 2023, é froito do traballo dun grupo de profesionais do sistema sanitario galego, entre os que se atopa o Xefe de Servizo do Centro de Saúde de A Cuña, Xosé Luis Muiño López-Álvarez, coordinados dende a Subdirección Xeral de Atención Primaria do Sergas.

A abordaxe das enfermidades crónicas a través de procesos asistenciais integrados, contribúe á mellora da efectividade das actuacións sanitarias e á diminución da variabilidade clínica. A Estratexia galega de atención ás persoas en situación de cronicidade busca crear modelos asistenciais baseados nunha valoración integral do doente, avaliando a repercusión da enfermidade, e traballando de xeito coordinado entre profesionais dos distintos ámbitos para garantir a continuidade asistencial.

Este proceso asistencial integrado, que actualizaba o de 2015, súmase aos cinco que a Consellería presentou tamén o pasado ano, que son o de déficit Alfa 1 Antitripsina; o de Epoc; o da enfermidade inflamatoria intestinal; o da enfermidade renal crónica e o do dano cerebral adquirido.

Para Xosé Luis Muiño, “trátase dun proceso que se centra na persoa e non na enfermidade, posto que, a pesar de que existe un seguimento constante por parte dos profesionais da nosa área sanitaria, buscamos tamén a corresponsabilización das persoas coa enfermidade, asumindo o seu autocoidado e a realización de exercicio físico como obxectivos propios”. Cómpre subliñar que “a diabetes é unha enfermidade enormemente importante xa que aumenta o risco cardiovascular, a retinopatía diabética, que é a principal causa de cegueira, de amputacións non traumáticas, ou de nefropatía diabética, e que grazas aos tratamentos actuais estanse a lograr a diminución destas complicacións”. En Galicia a Diabetes Mellitus tipo 2 afecta a un 9,11 % da poboación en persoas maiores de quince anos.

A endocrinóloga do CHUO, Iria Pinal, destaca que “este PAI da diabetes supón un gran beneficio para o paciente xa que permite que os profesionais que o tratan falemos o mesmo idioma, estea o paciente en primaria ou hospitalaria, que unifiquemos criterios e que grazas a esa visión global o paciente síntase sempre seguro e perfectamente atendido”.

Este proceso integral ten un marcado carácter multidisciplinar e a visión integradora do sistema sanitario galego, ao definir as actividades sanitarias a realizar, así como os perfís profesionais de referencia, ademais de reforzar a importancia da promoción da saúde desde a atención primaria.

O enfermeiro especialista en familiar e comunitaria do Centro de Saúde de A Valenzá, José Manuel Álvarez Pena, destacou que “é fundamental que tanto o paciente e a súa familia se impliquen no tratamento axeitado desta enfermidade porque vai implicar a modificación de hábitos propios e da súa contorna e na maioría dos casos adoptar estilos de vida máis saudables baseados, en gran medida, nunha alimentación máis sá e no exercicio físico de forma regular”

Polo tanto o PAI que hoxe presentouse en Ourense supón un modelo de verdadeira atención integral, de coordinación e de continuidade asistencial.

0.20078301429749