Verónica Civeira, nomeada nova subdirectora de enfermaría de atención primaria en Ourense
Verónica Civeira Pérez asume desde esta semana a Subdirección de Enfermaría de Atención Primaria da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras substituíndo no cargo a Josefa Rodríguez Araujo que recentemente foi nomeada como Directora de Enfermaría da área sanitaria.
A nova Subdirectora de Enfermaría Atención Primaria naceu en O Irixo hai corenta e catro anos, cursou estudos de Diplomatura en Enfermaría na Escola Universitaria de Enfermaria de Ourense adscrita á Universidade de Vigo, é Especialista en Enfermaría Familiar e Comunitaria, Especialista en Formación Ocupacional pola Universidade de Vigo, Master en atención integral ao paciente crónico pola Universidade Europea Miguel de Cervantes e Master en Atención Sanitaria, xestión e Coidados pola Universidade de Santiago de Compostela.
A súa experiencia profesional e moi extensa nos vinte anos de vinculación co Servizo Galego de Saúde onde comezou traballando en unidades especiais (UCI, REA) e na atención primaria onde estivo a desenvolver o seu labor en varios centros de saúde entre eles seis anos en O Carballiño. Na actualidade exercía de Supervisora de Área de atención á cronicidade da área sanitaria ourensá, cargo ao que accedeu no mes de marzo de 2020 xusto antes da pandemia o que supuxo que fose nomeada, nese momento, coordinadora dos equipos de vacunación COVID na Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras que foron un exemplo de organización e coordinación como o demostra a gran cantidade de premios e recoñecementos acadados a nivel nacional.
Ademais durante estes últimos catro anos exerceu como enfermeira referente de saúde comunitaria da área sanitaria, promovendo e coordinando multitude de programas de intervencións comunitarias como son “Escola de persoas coidadoras”, “Pupas, sustos e outros desgustos”, “Revolución teenagers: preparándonos para ser maiores”, “Heroes contra o coronavirus”, “escolas de saúde de atención primaria”...
No que respecta á súa actividade docente exerce de formadora en multitude de cursos de formación continuada de atención a cronicidade en atención primaria, atención a pacientes inmovilizados ou de educación para a saúde en atención primaria, ademais de exercer de titora de prácticas clínicas pregrao e tamén como titora postgrao da especialidade de enfermaría familiar e comunitaria. Asemade forma parte da subcomisión de especialidade de enfermaría da área sanitaria e da comisión docente de familiar e comunitaria.
Participou como relatora na publicación de dez artigos de investigación relacionados coa educación para a saúde e humanización e acadou oito premios de innovación e humanización de gran recoñecemento nacional, entre os que destacan o da Fundación Humans na edición de 2024 polo proxecto “Humanizando e acercando a atención primaria aos nenos: coñece o teu centro de saúde”, o premio da Fundación SEDAP en 2022 polo proxecto “A Revolución Teenager: promoción da saúde sexual, emocional e prevención de condutas de risco en adolescentes”, ou o premio Afectivo-Efectivo en 2021 co proxecto “Pupas, sustos e outros desgustos”.
Obxectivos para esta nova etapa
A nova Subdirectora de enfermaría asume esta nova responsabilidade “con moitas ganas, ilusión, respecto, agradecemento e admiración por todos os compañeiros de primaria, tanto os que están actualmente como aqueles que xa non están, a todos os que día a día fixeron e fan que a enfermería de primaria de Ourense sexa referente e un exemplo a seguir”.
Verónica Civeira tratará de fomentar contornas de traballo positivos, potenciando o traballo en equipo así como a implicación dos profesionais na toma de decisións, baixo o liderado dos coordinadores dos servizos de atención primaria.
Conxuntamente desexa implementar programas de formación e capacitación para os profesionais de atención primaria en colaboración ca unidade de formación da área sanitaria, impulsando o crecemento persoal e profesional asi como o desenvolvemento de competencias dos compañeiros que traballan nos centros de saúde e nos puntos de atención continuada. Será importante tamén o fomento da investigación desde a atención primaria.
Outro piar será o de potenciar accións que garantan coidados integrais, personalizados e de calidade, durante todo o ciclo vital das persoas, fomentando a humanización da atención sanitaria, a seguridade, e o traballo en equipo, co fin de mellorar a calidade de vida dos pacientes e dos coidadores.
Ademais a nova subdirectora márcase como obxectivo esencial o de “seguir fomentando programas e accións que potencien a coordinación entre os centros de saúde e os distintos activos da comunidade (colexios, residencias sociosanitarias, concellos, asociacións...), asi como os programas de humanización sanitaria”. Subliña a importancia de “seguir apostando por os programas de prevención e promoción da saúde, ca colaboración dos referentes de saúde comunitaria, coordinadores e distintos profesionais dos servizos de atención primaria, tanto a través das intervencións de saúde escolar como das escolas de pacientes. Potenciando o empoderamento da comunidade a través da educación para a saúde”.
Estratexias de Atención Primaria
Verónica Civeira desexa “seguir implementando e impulsando as distintas estratexias fundamentais para atención primaria como son: o plan galego de atención primaria, plan galego de atención domiciliaria en atención primaria 2024-2025, estratexia galega de saúde comunitaria en atención primaria 2023-2027, estratexia galega para a atención de persoas en situación de cronicidade, plans locais de saúde para unha orientación comunitaria en atención primaria, prevención da fraxilidade en persoas maiores, estratexia de promoción da saúde e prevención, obesidade zero...
Polo tanto desexa “contribuír ao análise e deseño de estratexias para mellorar a saúde global da poboación , garantindo a continuidade asistencial, comunicación e coordinación entre os distintos niveis asistenciais, fomentando a creación de grupos de traballo para elaboración de protocolos e outros documentos encamiñados a mellorar a seguridade tanto dos usuarios como dos profesionais, coa colaboración da unidade de Calidade.