Ourense oferta sesenta e nove prazas para os futuros residentes que se incorporarán en maio

OurenseXa
Destas 69 prazas ofertadas o 40 % corresponden á especialidade de Familiar e Comunitaria que nesta convocatoria oferta 21 para medicina e 7 para enfermaría
Prazas_mir_sergas_ourense
A Área Sanitaria de Ourense oferta para o próximo curso 69 prazas para a formación dos futuros residentes
25 Mar 2024
A Comisión de Docencia é a Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria, da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras ofertan para o próximo curso un total de 69 prazas para a formación dos futuros residentes das distintas especialidades tanto para a atención hospitalaria como para a atención familiar e comunitaria.
Destas 69 prazas ofertadas na área Sanitaria ourensá o 40 % corresponden á especialidade de Familiar e Comunitaria xa que oferta un total de 28 prazas e tamén cómpre subliñar que adquiren un maior protagonismo os residentes en formación pola rama da enfermaría especialista que representan xa un 25 % das prazas ofertadas.
Despois da realización, o pasado mes de xaneiro, do exame MIR, EIR e resto de probas que conforman a Formación Sanitaria Especializada a nivel nacional os aspirantes inician unha nova etapa na que teñen que tomar a decisión de elixir a especialidade desexada e o centro no que realizar a súa residencia. Para esta convocatoria o acto de adxudicación de prazas producirase a partir do mes de abril, efectuándose exclusivamente por medios electrónicos, e finalmente a toma de posesión e incorporación á mesma está prevista para o martes 7 de maio.

44 anos de docencia MIR en Ourense

O sistema sanitario público de Ourense ten unha dilatada experiencia na formación universitaria postgrao, con 44 anos de docencia, vía MIR, nas distintas especialidades hospitalarias e, desde 1991, de Atención Familiar e Comunitaria, área na que conta coas especialidades de Medicina e Enfermería Familiar e Comunitaria (EIR). Contando tamén coas distintas especialidades de enfermería como son Obstétrico-Xinecolóxica (Matrona), Pediátrica e de Saúde Mental.
Para guiar aos futuros especialistas ao longo de toda súa etapa de formativa, e coordinar súa formación teórico-práctica, o Servizo Galego de Saúde conta en Ourense con preto dun centenar de titores e colaboradores, repartidos nas 22 unidades de docencia, unha por cada especialidade, contando ademais cunha Unidade Docente Multiprofesional de Atención Familiar e Comunitaria que obtivo o recoñecemento e a acreditación de calidade ISO 9001:2015.
Ademais do Hospital Universitario de Ourense, a provincia conta con nove Centros de Saúde e SAP (Servizos de Atención Primaria) acreditados polo Ministerio de Sanidade para a formación postgrao, o SAP Valle Inclán, CS A Ponte, SAP Novoa Santos-O Couto, CS A Cuña, SAP A Carballeira, CS Xinzo de Limia, SAP Carballiño, SAP Verín e SAP Celanova
A duración da etapa de aprendizaxe dos novos residentes depende da especialidade elixida. A maioría completarán no centro que elixan un mínimo de catro anos, cinco no caso das disciplinas cirúrxicas, Medicina Intensiva, Oncoloxía Médica, Psiquiatría e da Medicina Interna, e dous nas especialidades de enfermería.
Polo tanto as persoas ás que se adxudique praza tomarán posesión da mesma no centro ou unidade docente correspondente entre os días 6 e 7 de maio, estando fixada para ese martes 7 de maio de 2024 como a data de inicio do período formativo e o acto de benvida no Hospital Universitario de Ourense.

Reparto das 69 prazas por especialidades

A Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Ourense oferta formación posgraduada, nun total de vinte e dous especialidades médicas (MIR), farmacia (FIR) e psicoloxía clínica (PIR), e catro especialidades de enfermería (EIR). Por vez primeira na súa historia incorpórase a esta oferta de prazas a especialidade de dermatoloxía médico-cirúrxica e venereoloxía que ten unha crecente demanda nos últimos anos nas preferencias dos futuros residentes á hora de escoller a súa especialidade.
Dentro das especialidades médicas ofértanse as seguintes prazas: 2 para medicina interna, 1 para aparello dixestivo, 1 para medicina preventiva e saúde pública, 1 para medicina do traballo, 1 para nefroloxía e 1 para pneumoloxía.
Nas especialidades cirúrxicas ofértanse as seguintes: 1 para anxioloxía e cirurxía vascular, 1 para cirurxía xeral e dixestiva, 1 para cirurxía ortopédica e traumatoloxía, 1 para dermatoloxía, 1 para oftalmoloxía, 1 para otorrinolaringoloxía e 1 para uroloxía.
Nas especialidades de servizos centrais ofértanse as seguintes: 3 prazas para anestesioloxía e reanimación, 1 para medicina intensiva, 1 para análises clínicas, 1 para farmacia hospitalaria, e 1 para hematoloxía e hematoterapia.
No que respecta a unidade multiprofesional de pediatría: 3 prazas para médicos de pediatría e 2 para enfermeiras especialistas en pediatría.
No que respecta a unidade multiprofesional de saúde mental: 3 prazas para médicos de saúde mental, 3 para psicólogos clínicos e 6 para enfermeiras especialistas en saúde mental.
No que respecta a unidade multiprofesional de obstetrícia e xinecoloxía: 1 praza para médicos de obstetricia e xinecoloxía e 2 para enfermeiras especialistas en obstetricia e xinecoloxía.
Por último no que respecta a Unidade Multiprofesional de Familiar e Comunitaria ofértanse: 21 prazas de medicina familiar e comunitaria e 7 prazas para enfermeira especialista.
0.19955706596375