Ourense, referente en España na formación de responsables de pacientes con politraumatismos

OurenseXa
O CHUO está a acoller o prestixioso curso “European Trauma Course” (ETC), que ata agora só se celebraba en Valencia, Bilbao e nun reducido número de cidades europeas
Curso ETC CHUO
25 Out 2024

Ourense continúa no selecto grupo de organizadores do recoñecido curso intensivo e práctico de manexo avanzado do paciente politraumatizado, o “European Trauma Course” (ETC), que cumpre en Ourense a súa segunda edición e que ata agora só se celebraba en Valencia, Bilbao e nun reducido número de cidades europeas,  considerado de referencia para a formación de responsables e membros de equipos de primeira intervención con estes pacientes críticos. O curso desenvolvese ata este sábado 26 de outubro na Unidade de Simulación da Xefatura Territorial de Sanidade de Ourense.

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras continúa sendo referencia para o noroeste do estado deste curso internacional, que se está a celebrar na Unidade de Simulación Avanzada do Hospital Universitario de Ourense, co-organizado pola xefa do servizo de Neurocirurxía, Ana Pastor Zapata -unha das primeiras instrutoras españolas do curso- e o cirurxán do Hospital Clínico de Valencia, Fernando López Mozos, impartido integramente en inglés, para facilitar a participación de alumnos de diferentes países.

Eminentemente práctico, o ETC está orientado a fortalecer a formación de médicos de diferentes especialidades, para unha abordaxe de equipo na atención do paciente crítico politraumatizado, en calquera escenario, no que o risco vital fai preciso ter moi claro que facer e cando, de xeito coordinado entre o equipo asistencial desde unha perspectiva multidisciplinar.

De feito, o organizador do curso, Fernando López Mozos, médico de servizo de Cirurxía Xeral do Hospital Clínico de Valencia subliña a verba “equipo” como unha das claves deste curso “entre o 60 e o 70% dos erros na atención ao traumatismo grave danse precisamente de fallos de comunicación entre o equipo asistencial”

“Hai anos considerábase que para a mellor atención desta emerxencia todo debía centralizarse nun médico responsable e, por suposto, na mellora das habilidades técnicas. Non sí, agora sabemos que estas últimas non son suficientes por si mesmas” dí o doutor López Mozos, “é preciso un traballo coordinado de todo o equipo”, afirmación ante a que asinten dúas das instrutoras con moita experiencia en cursos ETC e que proceden de Croacia, Ileana e Dinka Lulic.

Para a doutora Ana Pastor “O imprescindible é pensar como un equipo multidisciplinar, trátase de saber que facer e, o que é máis importante: Cando” explica.

Estacións practicas e formación intensiva

O coordinador do curso, o ourensán José Luis Toubes, que é tamén o coordinador da unidade de simulación da área sanitaria de Ourense, subliña que este curso “Ensina a ser líder de equipo, membro de equipo e por suposto habilidades, afondando en como empregalas do xeito máis efectivo nunha situación crítica, decidindo, baixo presión, que priorizar” explica.

No curso céntranse nas habilidades e técnicas básicas na atención ao paciente con traumatismo grave, “por suposto habilidades precisas para atender á vía aérea, a apertura de tórax, ao control do sangrado ou transfusión, e de atención ao shock” di a doutora Ana Pastor, “pero tamén noutras habilidades non técnicas, para realizar todo o proceso con seguridade e efectividade” como unha comunicación eficaz, garantindo que todos os membros do equipo entenden e coñecen a súa función.

Para elo, o curso é eminentemente práctico. De feito os alumnos pasan o 85 % do seu tempo en talleres, baseados en diferentes escenarios de simulación de situacións habituais de traumatismos graves, como os causados por un accidente de tráfico, unha explosión, unha caída de altura, tiroteo, etc.

Este valor práctico fai que sexa imprescindible cursalo para exercer como médico, en calquera servizo de urxencias en Gran Bretaña, ao igual que o ATLS (Advanced Trauma Life Support) curso promovido polo Colexio Americano de Cirurxáns, no que Ourense foi pioneiro en Galicia, que se desenvolvendo aquí máis dunha década, valorándose moi positivamente contar con ambos. Ata o momento no resto de Europa é voluntario.

Doce alumnos e dez profesores

Destinado a médicos de todas as especialidades, ETC está moi focalizado na atención de urxencias, disciplinas cirúrxicas e anestesia e reanimación. De feito, a estas tres especialidades pertencen os 12 alumnos do curso de Ourense. De diferentes nacionalidades e procedentes de todo o estado, ademais de Portugal, Malta, Brasil, Ucrania, Ecuador, Colombia ou Suecia, ao igual que os 8 instrutores con dúas irmás de procedencia croata. Case tantos profesores como alumnos para unha apredizaxe intensiva, que se concentra en dous días e medio, e atención constante. Aínda que dirixido principalmente a médicos, no ETC tamén pode participar persoal cualificado non médico, cun papel clínico na atención do trauma grave.

Precisamente o reducido dos grupos eleva a demanda de asistencia, que en España coordínase desde a Asociación Española de Cirurxáns, e que en Ourense xa ten programadas máis edicións cara o 2025. Ata o momento, desde 2019 o curso tan só se podía facer en Valencia, no Hospital da Malvarrosa, e incorporouse tamén Bilbao (Hospital de Cruces).

O Curso Europeo de Trauma é unha iniciativa conxunta do Consello Europeo de Resucitación (ERC), a Sociedade Europea de Anestesioloxía (ESA), a Sociedade Europea de Traumatoloxía e Cirurxía de Emerxencia (ESTES) e a Sociedade Europea de Medicina de Emerxencia (EuSEM). Púxose en marcha en 2008 e realízase na actualidade con gran éxito ademais de en España en noutros países de Europa: Reino Unido, Alemaña, Italia, Austria, Finlandia, Eslovenia, Croacia, Portugal e Romania; ademáis de en Arabia Saudita, Exipto, Sudán e Brasil.

0.18777894973755