Ourense rendeu homenaxe á figura de Castelao cun acto fronte á Biblioteca Nós

As e os socialistas da agrupación municipal de Ourense reivindicaron a figura de Alfonso Rodríguez Castelao nun emotivo acto, fronte a Biblioteca Nós, que repasou, dende unha perspectiva actualizada, os personaxes máis tradicionais do narrador e dramaturgo galego da man da actriz Uxía Morán.
“Estamos aquí para conmemorar o seu legado político e artístico no cal reflectiu boa parte do seu pensamento e da súa entrega a defender unha Galicia avanzada, moderna, democrática e afastada dunha cerrazón endémica; pero centrada na importancia da súa propia cultura ancestral coma un feito diferencial e enriquecedor”, comezou explicando a secretaria de Educación da Comisión Executiva Municipal, Cristina Cruz.
Así mesmo, lembrou que foi no Liceo de Ourense onde Castelao fixo, en febreiro de 1912, a súa primeira exposición individual que levou despois a Madrid con moito éxito. “Malia a que se cumpren 75 anos do seu pasamento, ningún acto institucional se vai levar a cabo dende o Concello”, lamentou ante a falta de compromiso e de “recoñecemento cara a este gran escritor, pensador, pintor e intelectual” por parte do goberno municipal.
“Castelao enfatizaba sobre a necesidade de traballar por metas concretas e acadables e é aí cara onde temos que mirar nós”, continuou expoñendo ante os e as asistentes exhortando, e parafraseando ao intelectual rianxeiro, a non quedar só soñando coas utopías e reclamar a cultura e identidade propias. “Porque o soño de Ourense é unha utopía realizable”, rematou.
Neste senso, as e os socialistas da Comisión Executiva Municipal levan tres anos retomando a senda galeguista con actos de conmemoración como os adicados ás Letras Galegas ou o desta mesma tarde no convidaron a toda a cidadanía a festexar ao autor. “Máis que nunca, as palabras de Castelao están vixentes; e que mellor lugar que este, a Biblioteca Nós, para acoller este evento e quen mellor que Uxía Morán para reivindicar a súa obra dende unha perspectiva nova e emocionante. Grazas, Uxía, de todo corazón pola túa implicación, afouteza e creatividade”, rematou afirmando.