Ourense será escenario da celebración do Encontro de Coros Universitarios

OurenseXa
O Encontro de Coros Universitario está organizado polo coro do campus de Ourense Schola Cantorum (Cuco) e terá lugar o 1 de xuño no Teatro Principal
Coro do Campus de Ourense
Coro do Campus de Ourense
29 May 2024

O sábado 1 de xuño, o Teatro Principal será o escenario da celebración do Encontro de Coros Universitarios organizado polo coro do campus de Ourense Schola Cantorum (Cuco). A cita, pensada para “festexar a cultura, a música e o canto coral”, contará coa actuación tanto da formación anfitrioa como da Universidade do Minho (Portugal).

O encontro, explica Ruth González, responde a unha invitación previa similar feita por parte do Coro Académico da Universidade do Minho. A súa programación, indica, consistirá “nun concerto conxunto das dúas corais, unha xuntanza entre amigos e unha experiencia marabillosa cos nosos veciños lusos, tendo a sorte de contar con grandes talentos musicais e grandes músicos”. A responsable do coro ourensán engade ademais que a cita tamén será “unha magnífica ocasión para festexar a conmemoración do 50 aniversario do campus de Ourense nun lugar tan emblemático do casco histórico da cidade como é o Teatro Principal”.

O concerto constará de tres partes, segundo informan desde a UVigo. Na primeira, o coro do campus de Ourense interpretará nove pezas. Así, comezará con Glow, de Edward Esch, e rematará con Amani, de Audrey Snyder. Estará ao piano Alejandro Fírvida, na percusión Noel de Dios Flores, na pandeireta Chasua González e na gravación Víctor Fernández. Na segunda parte tomará o relevo o Coro Académico da Universidade do Minho, baixo a dirección de César Freitas. Interpretará outras nove pezas, comezando por A gente vai continuar, de Jorge Palma, para rematar co espiritual negro Down by the riverside. As dúas corais porán o peche a este encontro coa representación conxunta de Cada noite, con letra de Rosalía de Castro e música de Maximino Zumalave, e Venham mais cinco, de José 'Zeca' Afonso.

“Teremos o pracer de escoitar por parte dos dous coros un repertorio variado e ecléctico, cheo de pezas populares, de compositores contemporáneos, bandas sonoras, pezas de cantautores con letras preciosas e ritmos africanos”, detalla Ruth González. Para rematar a velada, engade, “compartiremos o escenario cantando xuntos dúas pezas, cada un da nosa cultura”, e que teñen como nexo de unión entre elas o 23 de febreiro, día do nacemento de Rosalía de Castro e da morte de José 'Zeca' Afonso. A entrada é libre ata completar aforo, podendo reservar entrada en culturavicou@uvigo.gal.

0.16225409507751