Ourense sitúase á vangarda dos transplantes de córneas en Galicia
No primeiro semestre deste ano 2024 en Ourense quince persoas e as súas familias, por medio dos equipos sanitarios da Unidade de Coordinación de Transplantes do Hospital Universitario, fixeron posible un dos actos máis solidarios e altruistas, dicindo sí á doazón, e repartindo vida a cincuenta e tres persoas que se beneficiaron dun transplante de órganos.
Estas cifras supón un récord na nosa provincia na doazón de órganos nunha curva que leva os últimos anos en alza e que sitúa ao Hospital Universitario de Ourense como un hospital non transplantador cunha moi alta taxa de doantes por millón de habitantes Nos últimos anos o aumento do número de doantes de órganos en Ourense, é constante, pasando de 7 en 2020, 11 en 2021 e 2022, 19 en 2023 e no que vai de ano va van 15. Un importante traballo que sitúa ao Hospital Universitario de Ourense como o un hospital punteiro en Galicia en canto a número de doantes.
Tamén nestes primeiros seis meses Ourense segue á cabeza da doazón de tecidos xa que un total de trinta e tres doantes foron que de doar sesenta e seis corneas ao banco galego de órganos e tecidos. Este alto número de doazóns tamén fixo posible que o Servizo de Oftalmoloxía do Hospital Universitario de Ourense realizara neste período ata dezasete transplantes de cornea, intervención que permite recuperar ata nun 80% a visión, e se realiza integramente no Hospital Universitario de Ourense, como os de membrana amniótica, tecido osteo-tendinoso e hematopoiético.
Nesta coordinación que salva vidas, hai que destacar tamén a estreita colaboración con outros servizos do hospital, para implementar tamén a doazón de tecidos, que permitiu que Ourense fora o pasado ano o segundo hospital de Galicia que máis doantes exclusivamente de córneas achegou ao banco de tecidos autonómico.
Neste 2024 producíronse catro negativas familiares á doazón, aspecto no que é clave o traballo de información e difusión que se realiza desde o equipo de transplantes, en estreita colaboración coas asociacións de pacientes, que coñecen ben as dificultades e esperanzas dos que agardan por un transplante.
O primeiro motivo de perda de doantes, en todo o mundo, é non detectar ás persoas que poderían selo. Evitar a perda de órganos viables para transplante é sempre unha cadea de acontecementos, baixo o risco de que se acabe rompendo polo fío mais débil. Nada pode quedar en mans da improvisación. Converter cada posibilidade nunha realidade é tarefa de moitos.
Dirixindo este proceso, en Ourense está Jesús Priego, do servizo de Medicina Intensiva, e que coordina este complexo engranaxe que permite dar novas esperanzas ás persoas que esperan un transplante ser operados nun dos hospitais acreditados. Non é fácil no medio da dor dunha familia apelar á solidariedade, nin para unha familia inmersa na dor aceptar este reto solidario e altruísta, pero xuntos é posible manter a cadea de solidariedade que converte ao sistema español nun referente mundial.
Pese a que non hai idade límite para ser doante, nos últimos anos o envellecemento poboacional e os avances da cirurxía reduciron as posibilidades de doazón, ata que desenvolvemento dunha nova técnica para manter a viabilidade: a doazón en asistolia controlada (Maastricht tipo III), que se comezou a aplicar en Ourense de xeito precoz e xa é a maioritaria na nosa Área Sanitaria.
Semana do doante de órganos
O equipo coordinador de Ourense organiza xunto a Asociación de pacientes renais ALCER a Semana do doante de órganos que comezou este luns cunha entrega de bandas adhesivas á Asociación de Taxis de Ourense pola súa colaboración no operativo de doazón xa que en moitas ocasións son os responsables do traslado dun órgano extraído para transplante, desde o hospital donante ata o hospital transplantador, de forma segura, efectiva y eficiente. Deste modo moitos dos taxis de ourense lucirán no seu vehículo un adhesivo distintivo da campaña “Agasalla vida, deixa marca”.
O mércores 5 de xuño, coincidindo con Día Mundial do Doante de Órganos, a Asociación Alcer Ourense instalará tres mesas informativas nos Hospitais Cristal, Santa María Nai e novo edificio de hospitalización, á que se achegarán o xerente, Santiago Camba, e parte do equipo coordinador en Ourense da ONT (Organización Nacional de Transplantes),
Pola tarde do mércores (20:00 horas) terá lugar unha charla coloquio no Centro Cultural Marcos Valcárcel dirixida á poboación en xeral onde intervirán a Xefa de Servizo de Nefroloxía, Cristina Pérez Melón, o Coordinador de Transplantes do CHUO, Jesús Priego Sanz, e unha paciente con enfermidade renal que está a espera dun transplante que contará a súa experiencia na espera por un ril para o transplante.
O xoves haberá un acto simbólico de agradecemento ao persoal implicado no operativo de doazón de órganos do Hospital Universitario de Ourense, proceso no que están implicados máis dun centenar de profesionais e que recibirán unha bolsa co lema da campaña en recoñecemento o seu labor e implicación.