Ourense sitúase na cabeza do sistema sanitario galego en termos de accesibilidade na Atención Primaria

OurenseXa
A provincia ten o maior número de Centros de Saúde e consultorios cun total de 104, dos cales 62 contan cun único médico
Centro de saúde de Pereiro de Aguiar
2 Jul 2025

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras sitúase na cabeza do sistema sanitario galego en termos de accesibilidade na Atención Primaria, segundo os últimos datos dispoñibles. A día de hoxe, a maioría dos centros de saúde da provincia ofrecen citas para o médico de familia en menos de 48 horas, consolidando un modelo asistencial áxil, próximo e eficaz.

Esta realidade reflíctese en tres indicadores principais, segundo explican dende sanidade. En primeiro lugar, a maioría dos centros de saúde da provincia ofrecen citas médicas en menos de dous días. En segundo lugar, en 76 dos 104 centros e consultorios da provincia, o 100% dos profesionais (médicos de familia, pediatras e odontólogos) dispoñen de citas libres antes de 48 horas. Por último, o 90% dos médicos de Atención Primaria de Ourense teñen citas dispoñibles antes de catro días.

Estes resultados son especialmente destacables tendo en conta a complexidade demográfica e territorial da provincia. Ourense é á Área Sanitaria con maior número de Centros de Saúde e consultorios, 104, deles 62 cun único médico e 24 con só dous profesionais, que, malia a estas características, manteñen un altísimo nivel de accesibilidade asistencial, realidade extensible tanto a zonas urbanas como no rural.

Nos centros de maior volume poboacional, a accesibilidade é igualmente unha das mais altas da comunidade, con entre un 80 e un 90% dos profesionais con ocos libres para consulta a demanda antes de dous ou catro días. Todo un exemplo do compromiso profesional e organizativo, que permite ofrecer unha resposta asistencial áxil en toda a provincia.

Cómpre destacar que estes datos fan referencia ás consultas solicitadas polos pacientes a demanda non urxentes, xa que estas son sempre atendidas no momento, garantindo a seguridade e a resposta inmediata ás situacións prioritarias. Ademais, existen outros tipos de atención, como as consultas programadas, organizadas directamente polos profesionais sanitarios para seguimento clínico, control de patoloxías crónicas ou atención preventiva, que tamén forman parte do modelo integral de Atención Primaria.

Desde a Dirección da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, quérese recoñecer o esforzo diario dos profesionais, que fan posible estes datos de excelencia asistencial. A colaboración, a planificación e o compromiso coa calidade, son as claves para seguir avanzando cara a unha Atención Primaria resolutiva, próxima e accesible para toda a cidadanía.

Estes resultados, din, serían imposibles sen o esforzo conxunto dos profesionais de Atención Primaria, cuxo traballo en equipo é clave para manter este alto nivel de accesibilidade. A súa dedicación, tanto no ámbito urbano como no rural, é o principal valor do sistema, explican dende sanidade.

⚙ Configurar cookies
0.091891050338745