"Pedimos un aumento salarial e unha mellora das condicións laborais"

OurenseXa
A presidenta do comité de empresa do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria de Ourense, Adelina Basteiro González, asegura que “se a empresa non cambia de postura, a mobilización seguirá adiante”
traballadores-lixo-ourense
Traballadores do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria no Concello de Ourense
23 Feb 2025

Ourense encamíñase cara a unha folga de lixo que ten previsto comezar o vindeiro sábado, 1 de marzo, coincidindo co día grande do Entroido na cidade. Así o acordaron a pasada semana os traballadores de Ecourense, a empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria no Concello de Ourense, para esixir un convenio colectivo xusto, despois de 14 meses cos soldos conxelados.

“Pedimos un aumento salarial e a mellora das condicións laborais”, explica a presidenta do comité de empresa, Adelina Basteiro González. Sinala que “algúns traballadores que traballan os sábados pola noite non descansan ata o luns pola mañá, sen cumprir nin as 48 horas de descanso obrigatorias e, en moitos casos, nin sequera pasan 24 horas entre quendas”.

A decisión tomouse tras a última proposta presentada pola empresa e despois de 12 reunións de negociación, tanto entre o comité e a empresa como co comité do Concello, desde que o convenio anterior expirou o 31 de decembro de 2023.

Durante este período, Ecourense rexeitou as principais demandas dos traballadores para establecer un novo convenio para os anos 2024, 2025 e 2026. Entre as peticións destacan o aumento de soldos acorde ao IPC e a equiparación do valor dos trienios, xa que a antigüidade segue conxelada. En particular, solicítase que a categoría de peón, a peor remunerada, se equipare á de condutor.

“A nivel económico, defendemos a actualización salarial conforme ao IPC e a equiparación dos trienios de antigüidade. En concreto, a categoría de peón ten un soldo base de 14,91 euros, sendo unha das máis baixas de España en comparación co complemento de antigüidade”, sinala Basteiro. “Isto significa que, en termos de antigüidade, os peóns están entre os traballadores peor remunerados do sector en todo o país. Polo tanto, reivindicamos unha mellora neste aspecto e unha suba salarial acorde co IPC real, tal e como se viña aplicando nos últimos 14 anos. Tamén solicitamos a redución do traballo nos sábados”.

“O horario laboral teórico é de 37 horas e media, pero aínda estamos por riba dese límite. O máis grave é que os traballadores seguen traballando sábados e festivos, o que afecta ao seu descanso”, sentencia a presidenta do comité de empresa.

En canto á antigüidade, explica, “a nosa táboa salarial é moi clara: todos os complementos están igualados agás o de antigüidade, que presenta unha diferenza significativa. Queremos rematar con esa desigualdade, porque se non, a fenda salarial entre os postos máis baixos e os máis altos seguirá medrando”.

Basteiro critica a postura da empresa durante este ano de negociación. “Foi basicamente de recorte de dereitos”, explica, “pretendían reducir as coberturas da baixa por IT”. Lembra que moitos traballadores están expostos no inverno a temperaturas de ata -3°C, mentres que no verán se alcanzan os 40°C.

“A empresa non está disposta a ceder e o Concello mira para outro lado”

En canto á anulación da licitación do novo concurso do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo do Concello de Ourense, Basteiro é moi clara: “persoalmente alégrome de que non saíra adiante, xa que contiña erros inasumibles e prexudiciais para os traballadores”.

“As táboas salariais que estamos cobrando son as de 2023 e, no prego de condicións, non se aplicou ningunha actualización para 2024. Isto implica que, na práctica, os traballadores estamos a cobrar menos que en novembro de 2023”, sinala.

En canto á postura do Goberno de Pérez Jácome, apunta que o alcalde recibiu os traballadores en varias ocasións, pero que nunca chegou a atender ningunha das súas peticións. “Na negociación do convenio anterior, incluso recoñeceu que os traballadores estaban ao límite da legalidade no que respecta ao descanso”. Explica ademais que “o alcalde prometeu que, cando saíra o prego de condicións, nos chamaría para analizar os postos de traballo. Porén, a realidade é que a oferta de emprego dentro da contrata non se mantivo equitativa: hai máis peóns dos que se ofertaron inicialmente, pero menos condutores e especialistas, o que supón un aforro en cotizacións para a empresa”.

Basteiro recoñece que a negociación segue aberta e, se esta semana se alcanza un acordo satisfactorio que a asemblea de traballadores aprobe, “levantaríamos a folga”.

Ademais, fai fincapé en que “non é certo que fixeramos coincidir a folga co Entroido a propósito. En 2021 tamén se negociou unha folga o día da Inmaculada Concepción e chegamos a un preacordo esa mesma tarde. Polo tanto, seguimos abertos a negociar, pero a única forma de evitar a folga é alcanzar un convenio xusto para os traballadores”.

O problema real, di, é que a empresa non está disposta a ceder e que o Concello mira para outro lado. “A administración protexe a catro administradores que non viven en Ourense e que gañan máis que 20 peóns xuntos, en lugar de defender os dereitos dos 209 traballadores que si residen aquí, pagan os seus impostos aquí e teñen as súas familias aquí”.

“A folga non é un capricho. Se hoxe en día cobramos menos que en novembro de 2023 mentres o custo da vida segue subindo, non podemos aceptar que o prego de condicións perpetúe esta situación durante anos. Non podemos permitir isto. A decisión da folga foi tomada pola asemblea de traballadores e, se a empresa non cambia de postura, a mobilización seguirá adiante”, sentencia.

⚙ Configurar cookies
0.12795901298523