Presas avanza a Estratexia Galega da Auga 2030 e o impulso do Termalismo no goberno do BNG

OurenseXa
Noa Presas establece as liñas de actuación do goberno do BNG: recurso esencial a protexer, impulsar Ourense como motor da Galiza termal e establecer sinerxías co Campus da Auga incrementando o investimento
BNG_candidatura_Ourense
8 Feb 2024

O BNG anuncia as liñas de actuación prioritarias que desenvolverá o seu futuro goberno na Xunta de Galiza presentando a Estratexia Galega da Auga 2030 e as medidas recollidas para impulsar o termalismo, sobre todo en Ourense. Baixo tres elementos fundamentais para o desenvolvemento da próxima década –auga, termalismo e coñecemento- a cabeza de lista do BNG, Noa Presas, comprométese a que a auga sexa un recurso esencial a protexer, impulsar Ourense como motor da Galiza termal e establecer sinerxías co Campus da Auga incrementando o investimento.

Rodeando a escultura da gota de Toño Monteiro, a organización nacionalista presenta as principais medidas en torno ao desenvolvemento da próxima década para Ourense: auga, termalismo e coñecemento. A auga, apunta o BNG, é un elemento estratéxico en Ourense e representa unha potencia “incomparable”. Un recurso esencial para a vida, para a actividade económica e para o consumo humano.

A auga como recurso esencial

“Para o futuro goberno do BNG este recurso contará coa protección, conservación e unha boa xestión, tendo en conta o cambio climático que xa está a afectar con intensidade Ourense con intensas vagas de calor e episodios recorrentes de seca con situacións graves, sobre todo no sector primario” explica a cabeza de lista do BNG por Ourense.

Neste sentido, Presas avanza un gran pacto galego pola auga –cun plan de medidas urxentes para combater a seca e o cambio climático- e unha Estratexia Galega da Auga, centrada nas infraestruturas humanas e que supoña un cambio de paradigma. “Queremos modernizar e dixitalizar as infraestruturas, fomentar o aforro hídrico e enerxético, protexes a biodiversidade –cun plan de humidais e reservas estratéxicas da auga- e levaremos a cabo un plan de reutilización de augas residuais e de lodos” asegura.

Do mesmo xeito, a cabeza de lista afirma que o goberno galego do BNG “demandará a transferencia da Confederación hidrográfica do Miño-Sil e da sub-bacía do Támega para que as decisións sobre os nosos ríos non se tomen a 500 quilómetros de distancia”.

Ourense como motor da Galiza termal

Catorce anos de goberno do PP supuxeron “un paso atrás en materia de termalismo: hoxe temos menos termas públicas abertas e fíxose unha lei en contra deste sector”. Para solucionar este problema e aproveitar o recurso termal, Presas asegura que haberá un impulso orzamentario, lexislativo e organizativo ao termalismo concibido como unha gran área de desenvolvemento que non se reduza ao monocultivo turístico.

“Impulsaremos un novo marco legal do termalismo para corrixir os problemas que causou o Partido Popular e para blindar por lei que o termalismo sexa considerado como un ben público” afirma Presas. Así mesmo, entre outras medidas o BNG impulsará un Plan Estratéxico de Investigación e desenvolvemento para a aplicación e usos das augas termais e das augas mineromedicinais (frías).

Alén do máis, a cabeza de lista defenderá a creación dun Consorcio termal no que estean presentes todas as administracións, así como a aprobación interdisciplinar dun verdadeiro Plan Termal Galego que incorpore, entre outras medidas, un Plan de dotación de infraestruturas e un Plan de usos no SERGAS.

Campus de Ourense, Campus da Auga: papel central para o desenvolvemento

“Hoxe aquí xa se investiga sobre todos estes elementos e o noso compromiso é ter un goberno galego que escoita, coopera e traballa coa universidade. Xa deixamos claro o noso compromiso con incrementar o financiamento (1,5PIB) e con aplicar discriminación positiva” evidencia Presas. O goberno do BNG a partir do 18F traballará man a man co Campus para que a auga, o termalismo e o coñecemento preparen Ourense para os grandes desafíos da próxima década e nos coloquen á vangarda.

0.17255806922913